Meirás, memoria e negacionismo


Que o actual pazo de Meirás é produto dun espolio non ten dúbida para o historiador que coñeza o asunto. Os golpistas que derribaron e meteron no cárcere ou fusilaron ás autoridades constitucionais argallaron a súa compra e doazón ao xefe do exército sublevado en plena guerra provocada por eles. O que hoxe se poida facer con el depende da vontade política do presente, non dun título de propiedade que non resiste o control de legalidade liberal-democrático, nin dunha compra que foi, como mínimo, malversación, nin das rapinas aos coruñeses disfrazadas de doazóns, movidas polo medo a perder a vida ou a facenda. 

Cando estes días se fala daquel pasado, estase ventilando o presente, coma sempre que se fala do pasado incómodo. Os principios democráticos e os valores dunha sociedade libre contrástanse nas opinións e as accións de cada quen e co que dicimos e facemos con aquel pasado estamos definindo o presente e os seus valores. Por iso son insoportables, para todos, as pamemas da Fundación Franco. Pero só nos que teñen responsabilidade política está a posibilidade de non darlles un voceiro para que se burlen de todos nós. O Concello de Sada fixo o que podía facer, o Parlamento e o Goberno galegos saberán o que deben facer.

A memoria é un territorio comprometido. Cada quen ten a súa e logo temos as memorias colectivas, tamén están as memorias familiares e a memoria do Estado. Os historiadores, adestrados no coñecemento crítico do pasado e dotados de instrumentos profesionais para investigalo, tamén teñen as súas memorias. Para a memoria o pasado é unha feira, cada quen fala segundo lle foi nela. Mais ben, segundo pensa que lle foi nela, como ocorre con esa parte do noso pasado construído polos golpistas. En realidade, o pasado é un territorio máis descoñecidos que o cosmos, ao que compre asomarse co rigor e a humildade dos astrónomos.

Nada máis desafortunado para falarmos de pasados incómodos que implican á nosa memoria persoal e familiar que o negacionismo e a equidistancia. Son as dúas armas coas que os golpistas construíron a memoria do seu Estado totalitario e as dúas promoven a ignorancia e o descoñecemento. Por iso hai quen segue pensando que a II República foi un fracaso propio, que as atrocidades da zona sublevada e da republicana son equiparables, que non houbo bombardeos sistemáticos sobre a poboación civil, que o de Guernica é un cadro por algo que fixeron os alemáns, que os campos de concentración son os que saen nas películas de nazis. Ou que a xente quixo regalarlle un pazo ao ditador. O negacionismo por ignorancia é peor e máis triste que o dos poucos e pintorescos defensores do franquismo que quedan.

Sobre o golpe e a guerra, os historiadores levamos moito escrito pero só agora estamos empezando a mudar de veras o vello relato. Sobre a memoria de pasados incómodos, unha recomendación: a novela de Verna Carleton, Regreso a Berlín. A ninguén debeu gustarlle cando o publicou en 1959, a súa recente segunda edición é un éxito porque dá no albo dos nosos problemas coa memoria.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

Meirás, memoria e negacionismo