Mala conciencia burguesa


A miña nai di sempre que para rica tamén hai que valer. Os ricos de verdade non senten unha culpa directamente proporcional á sofisticación das actividades nun balneario perdido no medio da nada lucense. Por exemplo. Eles, os que valen para ricos, mesmo son quen de pensar no swing que porán en práctica no campo de golf, cando rematen de pórlles os limos do mar Negro que se quitan cunha masaxe de media hora baixo a auga de Vichy, co masaxista en bañador e chancletas. A teima do glamur, en realidade, é para pobres. E eu, efectivamente, non vallo para rica. O meu máximo logro, de feito, foi non sentirme culpábel no fisioterapeuta, figúrense. O dos camareiros nos restaurantes supereino hai tempo, todo hai que dicilo, pero a miña cabeza resístese a dar o paso seguinte, ese do absoluto chanzo social. Ese de sentir que sempre podes ser superior a un e obviar que podes ser inferior a outro. Ese de saberse nacida para ser servida. A miña nai, por aquilo de que hai que valer, crioume coa culpa de serie, e aínda que gozo, que tampouco son parva, non gozo ata a fin. Velaí meu problema: vivo nun permanente interruptus de clase.

Por iso, coma as parellas que se queren pero non se aturan nas vacacións, eu odio a miña mala conciencia burguesa no verán, ese tempo no que as clases medias xogamos a crérmonos raíñas por un día. A esquecermos baixo a auga de piscinas quentes que antonte non chegabamos a fin de mes e mañá volveremos aprender que tamén hai que valer para pobres. A facer que non sabemos que ese exército de camareiros que nos serve con exquisita educación nun hotel todo-incluído pasará a alongar a cola do paro en outubro. Hai que valer, si.

Votación
19 votos
Comentarios

Mala conciencia burguesa