Venezuela e ditadura

OPINIÓN

MIRAFLORES PALACE PRESS OFFICE H

08 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Identificar ditaduras non é tan doado como os liberais sobrevidos proclaman. Será por iso que o cinema norteamericano trata de cote o asunto de como poden perderse as liberdades, como un presidente pode apedrar os seus poderes a prol do autoritarismo e a arbitrariedade, como o sistema pode manipularse para recortar dereitos. O presidente tolo que acaba coa democracia é un tema recorrente na tradición súa fílmica. Sempre están preparándose para identificar e evitar a ditadura e agás a de Hoover co FBI ou cando o macarthismo, non tiveron ningunha con tal nome.

 Non foi doado para a dereita europea que caeu na rede de ditadores varios nos anos trinta, de Mussolini a Franco. Tampouco para certa esquerda. Largo Caballero colaborou con Primo de Rivera co argumento de que, dando igual un Goberno burgués ca outro ,polo menos aquel creaba un Ministerio de Traballo e máis os xurados mixtos. Mais clarividente foi A. Pestaña ao rexeitar que o anarcosindicalismo formara parte da III Internacional, despois de coñecer a revolución bolxevique en 1920. Tamén houbo comunistas como A. Nin que identificaron a ditadura na evolución soviética con Stalin e escribiu en 1930 un clarividente libro titulado Les dictadures dels nostres dies.

Venezuela é un país rico con grandes diferenzas de clase e riqueza e grandes bolsas de pobreza que un pode ver nos ranchitos que enchen os outeiros de Caracas. Moitos que, como o meu avó, chegaron alí fuxindo do golpe e a persecución franquista, sabían de sobra distinguir ditadura e democracia. Os seus fillos tamén. Coñeceron a democracia breve de Rómulo Gallegos e a longa e brutal ditadura posterior. Un daqueles exiliados, Santiago Ruesta, mandou fóra a súa filla, alumna do grande García Bacca, cando soubo da revolta estudantil contra a ditadura. Daquela o ditador Pérez Jiménez contratara ao mellor relator da ditadura franquista para intentar adornar a súa. Pero onde trunfaron os exiliados fracasou C. J. Cela, o home do falanxista Juan Aparicio, mestre de moitos que Inda nos atordoan hoxe coas súas manipulacións.

Hai distintas formas de concibir a democracia ao longo do mundo e do tempo. O réxime que hai hoxe en Venezuela non encaixa en ningunha delas. Non pode ser unha democracia cando non se aceptan os resultados dunhas eleccións e se convocan outras para facer xogo revolto; cando se pasa dun sistema electoral libre, universal e directo a outro estamental; menos aínda cando nesas eleccións vota unha mínima parte do censo. O que Maduro ofrece na Constituínte é o que todos os antifranquistas, exiliados ou non, rexeitaron: unha forma de democracia orgánica e corporativa inaceptable só coñecida nas ditaduras.

As esquerdas americanas buscaron modelos democráticos inclusivos nas últimas décadas en Ecuador ou Bolivia. Lula e Mujica tampouco nunca fixeron o que ven de facer Maduro. Nin Allende. Ula a diferenza? Ao cabo tiña razón a tía Raquel cando lle preguntei por Chávez nos seus comezos: «Militar e golpista, que democracia podemos agardar?»