Turismo de consumo: A Coruña-Zara

OPINIÓN

Pilar Canicoba

02 ago 2017 . Actualizado a las 16:04 h.

O mundo de hoxe está dominado polo consumo. Sociedade de consumo de masas é como nos definimos. Para ben e para mal é o mundo que nos tocou vivir. Agora que empezamos o mes das vacacións e o turismo, queixarémonos de como degradamos o que máis queremos e aprezamos, sexan paraísos naturais ou riquezas arqueolóxicas. Aló imos todos xuntos a estragar un pouco máis, de paso que os democratizamos, espazos que foron singulares e exclusivos. Hoxe están explotadas todas as variantes posibles do turismo, pero unhas son máis agresivas que outras, como ben sabemos por acó. Algunhas formas son asombrosas e ata hai un turismo do Holocausto capaz de converter en banalmente adolescente a foto subida a Instagram dun grupo de escolares nas vías que conducen a un campo de concentración. 

Sendo o turismo un fenómeno irreversible pero canalizable da forma máis rendible e orientable do xeito menos agresivo, non entendo como aínda a ningún xestor, programador ou administrador se lle ocorreu aproveitar como reclamo turístico o feito de A Coruña ser o berce de Zara. A multinacional galega construíu unha identidade global que partillan millóns de consumidores e seguro que unha parte deles -a máis nova e solvente- estaría encantada de coñecer onde empezou todo. A prehistoria en San Andrés, no tempo da bata de guata, a primeira tenda en Juan Flórez e a rota polas tendas orixinais do mundo Inditex. A identificación dos consumidores coas súas marcas permite pensar iso e moito máis. A existencia dun turismo de consumo formado polas elites mozas de moitos países emerxente garante o éxito da idea.

Se os londinenses nos fixeron visitar Carnaby Street, con máis razón pode ter éxito duradeiro a Rota Zara no Ensanche coruñés. A vantaxe é que non hai que esforzarse sequera en atraer visitantes, só desprazalos levemente en tren dende a pelegrinaxe compostelá ou nun voo doméstico dende os centros de vacacións máis concorridos da Península e Baleares. Unha hora para achegarse á cidade de Zara non é nada para quen ven de Baréin, Estados Unidos, Colombia ou Suecia. Para orientalos abonda unha modesta promoción, e para guialos unha guía e unha aplicación. Do que estou certo é de que estarían encantados de visitar a cidade onde deseñaron e deseñan a súa forma de vestir. Nada descubro dicindo que a forma de vestir e a de vivir conxúganse nas identidades xuvenís e aínda nas adultas. Ubicalas no tempo e no espazo é cuestión de oferta ben feita.

A sociedade de consumo de masas ten raíces fondas. Unha forma interesante de atender ao turismo de masas foi orientalo cara os mesmos obxectos e produtos que consume. Tal é o caso. Outras opcións, o turismo de sol e praia, o relixioso, o deportivo e o amplamente chamado cultural xa están máis que explotadas en Galicia. Quédanos converter en destino turístico un produto industrial de consumo, as súas orixes e a súa forma de producilo e idealo. Xelmírez xa fixo un Códice onde o explica todo e por algo a primeira tenda de Zara fóra da Coruña abriuse en Compostela: un necesario ramal da nova rota. Un turismo non agresivo.