Cultura democrática minguante

OPINIÓN

31 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A democracia é unha manifestación máis da cultura, unha forma de convivencia que se procura civilizada, un estilo que nada ten que ver, porque é o contrario, co estilo dos sistemas das ditaduras ou dos estados autoritarios, que non saben do respecto aos demais, ás minorías, aos dereitos humanos e ás institucións esenciais en democracia. 

A democracia é absolutamente incompatible coa idea de eliminación do contrario, non só por procedementos que o Estado de dereito rexeita e condena, senón coa idea mesma de eliminación do contrario, que en democracia só se entende como vencemento ou superación do opoñente con suxeición a normas de todos coñecidas e sempre en igualdade de condicións e oportunidades.

A eliminación do contrario, con falsos expedientes ou co que sexa, é sempre contraria á idea de democracia.

É absolutamente oposto á idea de democracia unha corrupción que afecta a todos os poderes do Estado, aos máis altos cargos que teñen a obriga de servir ao Estado, unha corrupción que xa dá lugar á instrución de máis de 130 causas en trámite e con case 2.000 imputados.

E xa non digamos defendela, agachala ou negala. É absolutamente incompatible coa democracia subornar -porque subornos son- a autoridades que non gustan, ou non conveñen, ofrecéndolles postos máis relevantes e mellor remunerados, prebendas ou canonxías que son tentacións, nas que moitos caen como as moscas nun favo de mel.

A corrupción non sempre é chafalleira.

A lista sería moi longa, infelizmente.

Lembro que Josep Pla dicía que a cultura, máis que almacén de libros, é un determinado estado de espírito, unha comprensión, unha tolerancia, unha hospitalidade.

Isto xustamente é o que por agora nos afasta de ser un verdadeiro país civilizado.

Pero, ¿para cando?