Irresponsabilidade política e xustiza ao revés


Hai algo xenuíno e incomparable na aparente imposibilidade española para asumir responsabilidades políticas. As vítimas superviventes do accidente do Alvia na curva da Grandeira aínda agardan unha resposta política ao drama que sufriron e seguen a sufrir eles e os familiares de oitenta finados. A resposta semella que agora está máis preto, pero envolta no escándalo, din uns, e na vinganza, din outros. Catro anos son demasiados, evitando o que debera ser normal: que unha comisión de investigación tome conta en sede parlamentaria das razóns dun drama que merece unha explicación pública e política. Un asunto que nunca se puido nin se poderá resolver no despiste dun maquinista. Sabémolo todos.

Pero a non asunción de responsabilidades non só atinxe aos políticos, tamén pode abranguer de cote aos técnicos. No sei se no caso do Alvia, pero si dende logo no asunto do tramo do Fiouco na A-8, un erro de deseño que só a sorte fixo que fóra menos dramático e no que a experiencia da Grandeira levou a tomar solucións drásticas para o tránsito en caso do mínimo risco pola brétema. Pero que até o momento segue deixando na irresponsabilidade aos responsables da desfeita. E podemos seguir por outros rueiros na descrición da irresponsabilidade como atributo dos altos responsables técnicos e políticos, sexa o ministro espiado e instigador de espionaxes aos seus rivais políticos, sexan as malversacións económicas e desvíos de fondos que tampouco parecen atopar responsabilidades recoñecidas e asumidas, agás excepcións. Os culpables non se senten tal, nin sequera os que xudicialmente o son.

Preguntámonos de onde pode vir esta asombrosa irresponsabilidade política española. Ula diferenza? Pensando, un cae na conta de que estamos fundados na chamada «xustiza ao revés». Así a chamou o seu ideólogo, Ramón Serrano Suñer. Consistiu tal reviravolta en converter en culpables aos leais e en leais aos golpistas hai agora oitenta e un anos. Un pasado que non deu pasado porque nin o coronel Martín Alonso, nin o capitán Garicano Goñi asumiron nunca a responsabilidade de destituír, procesar e fusilar aos seus superiores na Coruña: o xefe da VIII División, Salcedo Molinuevo; o xeneral da 15.ª Brigada, Caridad Pita; o gobernador civil, Pérez Carballo; e o alcalde, Suárez Ferrín. Tampouco os capitáns Moreno e Vierna asumiron a de fusilar ao contralmirante Azarola, xefe do Arsenal de Ferrol.

Serrano Suñer finou no 2003 con 101 anos, sen o debido descargo de conciencia.

Os golpistas foron ascendidos e colmados de dignidades. Asumamos que estamos fundados na non asunción de responsabilidades e entendamos -porque o coñecemento e a razón así o dan a entender- que iso crea cultura, hábito e práctica. De tanto non mirar ao pasado, de tanto non querer entendelo, nin sequera cando xa pasou indefectiblemente, acabamos por non querer entender de onde vimos.

En todo caso, o que pasa agora só ten remedio no presente. Pensar historicamente só sirve para entendernos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
30 votos
Comentarios

Irresponsabilidade política e xustiza ao revés