1977: as eleccións que derrotaron ao franquismo


40 anos son moitos para manter o relato político orixinal da transición, pero aínda poucos para facer Historia. Conformémonos para abrir boca con distinguir memoria, mito e historia. A memoria que cada quen ten daqueles anos é insubstituíble, pero unha parte está agochada: as torturas e detencións dos dirixentes antifranquistas ou a memoria dos que foron guerrilleiros de C. R. O mito ficou quintaesenciado na serie de televisión da xornalista Victoria Prego como un relato político construído e aceptado polos protagonistas: os franquistas porque os deixa como demócratas, os antifranquistas porque os presenta cunha forza que comprobaran amargamente que non tiñan. A Historia son as preguntas incómodas que facemos sobre o pasado. Moitas non teñen aínda resposta, pero terán varias que deberán discutirse.

Por moito que alporice aos protagonistas, a discusión sobre os límites da transición é procedente. Pode reducirse a dúas preguntas esenciais: que se limitou e que se rachou daquela. Por non falar doutros límites, pódese mencionar a Lei Sálica dos carlistas franquistas na Constitución actual. Unha antigualla dos Francos desenterrada no século XIV polos Valois franceses para excluír ás mulleres do trono, que a través dos Borbóns chegou en 1713 ás Cortes de Castela e, superando a Pragmática Sanción de Carlos IV, colounos a transición. Un límite fundamentado nunha tradición reaccionaria inventada para excluír as mulleres do poder.

Pero a Historia aínda non feita da transición fálanos sobre todo da superación dos límites establecidos polo franquismo no poder a aquela democracia que consideraban inevitable. Foi precisamente nas eleccións do 15 de xuño de 1977 cando a xente, votando, superou todos os límites establecidos na Lei de Reforma Política franquista. Iso deberamos celebrar hoxe: como aquela primeira votación converteuse nun liberador resultado electoral que colleu a moitos nas verzas. Os franquistas pasaran os meses dende a morte de Franco discutindo o procedemento e o sistema electoral desas eleccións que prometeu Arias antes que Suárez. No referendo do 15 de decembro de 1976 as mesmas Cortes franquistas, dirixidas agora por Suárez, arrasaron co seu proxecto de Lei de Reforma Política ao lograr o voto favorable do 73 % do censo (si, do censo!). A oposición pedira a abstención e sufriu unha derrota sen paliativos.

Só seis meses despois, o franquismo levou un desengano descomunal. Aínda que logrou gañar en escanos, UCD e AP sumaron 7,8 millóns de votos e o antifranquismo 9, repartidos entre a esquerda (7,8) e o nacionalismo (1,2). No millón de votos que quedou sen representación a proporción foi semellante. O shock do franquismo no poder de Suárez e do aspirante Fraga foi de tal calibre que non quedou rastro. Non quixeron lembralo, pero actuaron en consecuencia: amnistía, Constitución, autonomías. Só Fraga deu algunha pista clamando por unha maioría natural que recompuxera ao franquismo sociolóxico dos vencedores da guerra, derrotado nas primeiras eleccións por un antifranquismo sociolóxico do que ninguén falara.

Por Lourenzo Fernández Prieto Catedrático de Historia Contemporánea da USC

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
20 votos

1977: as eleccións que derrotaron ao franquismo