Einstein en Galicia

Francisco Díaz-Fierros DE COTÍO

OPINIÓN

04 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta primavera cumpríronse cen anos da publicación máis coñecida de Einstein A teoría restrinxida e xeral da relatividade, da que se fixeron, ata o ano 2015, 407 edicións e foi traducida a 10 idiomas. A razón de semellante éxito estaba en que foi o único texto que o coñecido científico escribiu con afán divulgador, tentando achegar a teoría da relatividade ao gran público. Con tal motivo, o Consello da Cultura Galega vén de editar a súa tradución ao galego, que se suma a esa morea de edicións e traducións que viron a luz ao longo desta centuria. Einstein estivo fisicamente en Galicia no ano 1925 nunha viaxe que fixo a Hispanoamérica, polo que puido aproveitar as escalas do barco nos portos galegos para pasear pola Coruña e admirar a paisaxe das illas Cíes. Pero con motivo da edición en galego da súa obra interésame máis falar da súa presenza simbólica a partir da percepción das súas teorías.

 

Galicia coñeceu a existencia deste persoeiro e das súas teorías case ao tempo que a súa popularidade comezaba a ser un fenómeno de alcance mundial, como consecuencia da demostración das súas formulacións a partir das medidas realizadas no eclipse do ano 1919. Só un ano despois, cando se comezaba a falar del en España, o xornal de Lugo El Norte de Galicia publicaba unha tradución de Flammarion sobre a teoría de relatividade. E ao ano seguinte, o enxeñeiro Xosé Fernández España impartía na Coruña, na Unión Recreativa de Artesanos, unha conferencia sobre a relatividade e en Vigo, o farmacéutico Xulio Segovia Lapique, na inauguración de curso da Escola de Artes e Oficios, dedicáballe un amplo espazo a esta temática.

A visita de Einstein a España no mes de marzo de 1923 proxectou a súa popularidade ata puntos non acadados nunca neste país por un home de ciencia. «Todo el mundo admiraba a Einstein, pero pocos, incluido yo mismo, sabíamos por qué», escribía o xenial Julio Camba. Destaca con iso o contraste que existía entre o nivel de gran acontecemento social que supuxo o seu paso por Barcelona, Madrid e Zaragoza e a ignorancia xeneralizada que se manifestaba na comprensión das súas teorías. Posiblememente foi o primeiro exemplo español do que se deu en chamar despois «O Grande Espectáculo da Ciencia».

En Galicia a visita a España de Einstein, mentres durou, foi noticia dos principais xornais, como a crónica de Francisco Camba (irmán de Julio) para La Voz de Galicia do 17 de marzo dese ano. Pero sobre todo, nos medios intelectuais galegos do momento, que non eran poucos (universidade, Seminario de Estudos Galegos, Nós, etcétera) estas teorías eran obxecto de atención e debate. Destacan neste sentido os movementos de vangarda que atopaban no seu alento rupturista un referente para os seus propios intereses estéticos, como lle ocorreu ao poeta Manuel Antonio, que lle dedicou unha poesía á relatividade.

Diante destas manifestacións, Miguel Gil Casares, catedrático de Medicina compostelán, vén a poñer un pouco de sensatez no xornal Galicia meses despois de rematada a visita, cando os seus ecos estaban xa case esquecidos, dubidando da rendibilidade científica destas invitacións, das que «no queda otro recuerdo que las fotografías en los periódicos ilustrados».

Como reflexión final, a case cen anos destes feitos, penso que deberiamos seguir a esforzarnos en valorar a ciencia polos seus métodos, circunstancias e realizacións, máis que por un culto excesivo ás súas celebridades. Aínda que isto último sexa tamén un acto de xustiza.

Francisco Díaz-Fierros é Catedrático emérito da USC e membro da RAG.