O último Vicente Araguas


Penso que dará que falar, e ben, este último libro, por agora, de Vicente Araguas, Hai tanto que non estabas/Hace tanto que no estabas, que en edición bilingüe lle edita Amagorediciones. Libro dunha rara austeridade, dunha economía de medios sorprendente, un exemplo de lírica despida de ornamentos que sobran ou de banalidades retóricas.

Trátase dun dicir rápido, mesmo como de lóstrego, poesía esencial e limpa de toda faramalla, de notable eficacia expresiva e comunicativa, como se quixese ser o máis esquemática posible. Na súa rapidez de lóstrego déixanos imaxes, suxestións, estados de ánimo como enunciados ou suxeridos, de maneira que o lector poida colaborar na creación, ou pode que na recreación, dos poemas.

O libro é dunha evidente unidade. É o poemario dunha ausencia sobre a que pode haber algunha incerteza sobre a identidade do ausente, incerteza que, ao meu ver, contribúe, entre outros elementos, á creación da densa atmosfera lírica que se respira en todo o libro, á grande elexía que este libro representa.

O autor recorre, en xeral, ao verso breve, de arte menor, porque sen dúbida se presta mellor á rapidez expresiva que pretende comunicarnos; e, por veces, os poemas semellan letras (moi boas letras, por suposto) de cancións. Trátase dun suposto que sento por libre e sabendo que o poeta é tamén músico. O libro péchase con oito densos poemas en prosa, todos dentro do clima elexíaco do libro e que complementan e redondean o ton xeral do mesmo.

Felizmente, de lonxe en lonxe, xorde na lírica nosa de hoxe algunha voz que un recoñece como auténtica. Por iso, cando xorde, como neste espléndido libro de Vicente Araguas, un síntese reconfortado, vese nunha compaña suxestiva e dá grazas porque o verbo creador aínda se mantén vivo e habita entre nós.

Votación
10 votos

O último Vicente Araguas