As letras galegas de Victoria

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

18 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para ben ou para mal, os debates entre académicos puxeron a Real Academia Galega no mapa da actualidade. Unha das principais cuestións, a cuestión feminista, vai dando pasos coma este no que votan dedicar as Letras Galegas á única candidata muller, María Victoria Moreno. Déixenme que interprete a decisión coma un xesto cara ao feminismo, desde o Xogo das Cadeiras no que pediamos maior presenza feminina na institución de Tabernas ata hoxe, pasando por unha Executiva na que Freixanes asume coma innegociábel unha presenza feminina acorde cos tempos, as vontades e, sobre todo, as necesidades. Insuficiente? Si. Pero recollemos o xesto, que se compensa con este recoñecemento a María Victoria Moreno.

 Pero máis alá diso, cómpre situar a figura nunha lección a asumir acorde co espírito das Letras Galegas. María Victoria Moreno non era galega, pero quixo selo. Optou voluntariamente por expresar o seu talento nunha lingua que non era a súa, guindando unha mensaxe da que moitas galegas e galegos poderían apropiarse. Ese sentido dignificador e libertario da lingua galega coma escolla é, creo, un dos grandes valores desta muller que, ademais, decidiu dirixirse aos perpetuadores, á xeración máis nova que debería educar fillos e netos no uso activo da lingua, na lectura e na paixón modernizada pola lingua e a literatura galegas.

Eu son esa xeración que leu na infancia a Maria Victoria Moreno, unha sedutora para a nosa causa. Iso é o que se recoñeceu este 17 de xuño. Os académicos saíron das liortas con olor de Varon Dandy para lembrar que a Academia tamén está para dicirnos que hai esperanza para as mil primaveras que soñou Álvaro Cunqueiro. Ou para un futuro galeguista e feminista, como soñamos outras.