Paula tamén é feminista

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

31 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrei en Google para saber quen era Paula Echevarría. Non sabía se era cantante, actriz ou só a parella de alguén. Agora xa o sei e tamén o da súa declaración de que non é machista nin feminista. E resulta que si que é feminista, pero pásalle o mesmo que ao personaxe de Molière que falaba en prosa sen sabelo. Á pregunta dun xornalista sobre como sentía por vivir á sombra do seu marido, ela contestou cun dos principios do feminismo: «Eu defínome como persoa». Ou sexa, como unha muller que se gaña co seu traballo o dereito a unha identidade propia, a ser recoñecida por si mesma e non pola súa relación cun home. Iso mesmo defendía dona Emilia Pardo Bazán, combatendo o que chamaba o «destino relativo das mulleres», condenadas pola sociedade a ser a señora de, a nai de, a filla de…

A Paula Echevarría pasoulle o mesmo que a centos de persoas, que confunden o feminismo, ideoloxía que defende que as mulleres deben ter os mesmos dereitos que os homes, coas manifestacións de queimadoras de teteiros. E por iso consideran similares feminismo e machismo. Nestas páxinas, Fernanda Tabarés aclarou o erro: Non é igual denunciar que cada ano violan a miles de mulleres que considerar que a crianza da prole é cousa de mozas, nin denunciar que cada ano miles de mulleres cobran menos polo feito de selo que indignarse se che suxiren que collas unha tixola sendo un home de pelo en peito. Estou segura de que Echevarría asinaría todo o que Fernanda Tabarés considera feminismo. Se se publicasen máis artigos como ese, se máis escritoras non evitasen o cualificativo de feministas, aínda séndoo, Paula Echevarría non cometería un erro do que todos somos en parte responsables. Tamén os lectores que din: xa están esas dando a lata co feminismo. Pois si.