Escribir en latín


Non hai moitos anos, o gran Ramón Otero Pedrayo aínda escribía textos en latín dirixidos a persoas de boa formación nas humanidades clásicas. Foi o último entre nós. Don Ramón posuía unha notable cultura clásica, e non se pode entender a súa inxente e polifacética obra literaria se ignoramos esa paixón grecolatina. 

No II Abril Oteriano houbo en Ourense unha mesa redonda que se titulou Otero Pedrayo e as letras clásicas, onde un dos relatores, Xosé Manuel Vélez Latorre, abordou un tema por moi poucos esperable: o diálogo de don Ramón Otero con Lucrecio, o autor que escribiu De rerum natura (Da natureza das cousas), un poema filosófico que é un canto ao materialismo, doutrina da que estaba moi lonxe don Ramón, pero sempre tentado polo fulgor dos seus versos.

A gran novidade deste Abril Oteriano foi o relatorio presentado por dúas profesoras do Instituto Fermín Bouza Brey de Vilagarcía, Patricia Arias Chachero (Literatura galega) e Cristina Souto Diéguez (Literatura castelá), que ofreceron, nun opúsculo, catro cartas e un poema en edición bilingüe (latín-galego), cinco textos moi anotados. Para a tradución -e algunhas notas- contaron coa axuda de Pedro Souto Perandones, catedrático de Grego. No coloquio posterior, as autoras do relatorio insistiron na idea de que o latín de don Ramón Otero, non exento dalgunhas deficiencias, era, no esencial, de certo decoro. As autoras tamén puxeron o acento no feito de que estas epístolas latinas, dirixidas a Filgueira Valverde entre 1935 e 1944, erguen «un muro entre os correspondentes e posibles lectores alleos á relación epistolar». Non estrañan, pois, certas confidencias, unha -penso eu- moi importante.

Refírome á epístola de 1938 na que lle comunica que foi cesado, como catedrático de instituto, polo Goberno de Franco: «Nomina menstrualia inmaturam mortem habuit» («A nómina mensual tivo unha morte prematura»). Sabido é que don Ramón vai enfrontar, como cesado, once anos (e un mes), período no que a súa situación económica non careceu de certas estreiteces. Aínda así, nun latín cheo de decoro moral e gramatical, comunícalle ao seu amigo: «Sed non cogites quod ad desperationem adductus sum. Parvo contentus et spes inmensa est» («Pero non penses que me desesperei. Conténtome con pouco e a esperanza é inmensa»). Admirable don Ramón!

Votación
11 votos

Escribir en latín