Espazos urbanos para o galego


Presidente da Real Academia Galega

Prometín hai un par de semanas volver sobre o estudo que o Consello da Cultura Galega, coa colaboración do seminario de sociolingüística da Real Academia Galega, publicou verbo das prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade: un estudo de campo no que se aborda a situación da lingua galega no segmento de poboación que vai da adolescencia á primeira madureza, neste caso entre os 15 e os 25 anos. ¿Que pensan os mozos e mozas do idioma? ¿Que uso fan del? A cuestión é especialmente relevante na medida en que nese período confírmanse ou modifícanse os posicionamentos emocionais, vitais, ideolóxicos do ser humano, os valores sociais, os principios de utilidade e sociabilidade, etcétera.

Hai unha cuestión previa que non podemos ignorar. Os alicerces da lingua están na familia. A lingua que os pais e as nais falan decote cos fillos e as fillas é fundamental para establecer os esteos emocionais, os valores primeiros sobre os que construímos o mundo. Ora ben, a partir da adolescencia, que é cando se produce o principio de autodeterminación do ser humano (a toma de postura diante dos primeiros desafíos que nos presenta a vida), a actitude e uso do idioma enfróntase á realidade social.

Primeira constatación: a moi alta consideración que a mocidade ten da lingua galega como código simbólico e patrimonio colectivo. Primeira contradición: o escaso ou desconcertante uso que fan da mesma entre eles, sobre todo nos espazos urbanos. Certo que todo é matizable: o galego está moito máis vivo do que parece (visibilidade), de feito tende a manifestarse en determinados ámbitos (máis persoais, máis íntimos) e tende a disimularse noutros (primeira relación con descoñecidos, espazos de significación social dominante, etcétera). Pero a derivada urbana, que é a que impón o modelo, vai cara a onde vai.

¿Sobre que principios establecer unha política que afortale a lingua e avive o seu uso neses segmentos de idade? En realidade teriamos que empezar a traballar dende os primeiros ámbitos da educación infantil, incorporándoa como algo natural aos espazos de relación, xogos e actividades extraescolares, comedores, recreos, producións de lecer e entretemento. Reducir a cuestión ao terreo educativo, en sendo a política educativa fundamental, é un erro: introduce a lingua nunha cultura de gueto que a gramaticaliza e museifica. Cómpre pasar á acción (estimulante) no conxunto do corpo social, principalmente alí onde esa xente moza desenvolve a súa vida. Neses espazos é onde cómpre actuar: no lecer da socialización, na descuberta das novas tecnoloxías, nas expectativas laborais, no consumo. E na autoestima, conscientes da utilidade do idioma, non coma un adorno, senón como unha práctica de uso. Todo isto implica unha vontade política por riba de etiquetas e cativas diferenzas, mesmo revisando criticamente o que haxa que revisar. Xuntos.

Por Víctor F. Freixanes Presidente da Real Academia Galega

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos

Espazos urbanos para o galego