No Día das Teclas Galegas

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa CON LETRA DO NOVE

OPINIÓN

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns sábados, nunha festa infantil, acordeime moito de Carlos Casares. Non pola laranxa máis laranxa de todas as laranxas. Nin pola galiña azul. Nin sequera polo seu Principiño, que debeu ser o primeiro libro de Carlos Casares que tiven nas mans. Non. Mentres os cativos berraban e xogaban e pedían máis comida, e eu miraba con preocupación as nubes sobre a aldea, acordeime de Casares e Naipaul. E do caldo, claro.

Sucedeu cando un rapaz musulmán preguntoume moi serio se podía comer a pizza, ou sexa, se a pizza levaba carne de porco. Sempre que me atopo con ese dilema moral do xamón lémbrome de Casares e Naipaul no comedor do Gran Hotel da illa da Toxa.

Escoiteille a Casares contar varias versións diferentes daquela anécdota. Porque nunca relataba a mesma historia dúas veces. Era un pouco o Heráclito das anécdotas, e nunca se bañaba dúas veces no mesmo río, no mesmo conto. Sempre introducía variacións, e ata finais completamente distintos. No caso de Naipaul e o caldo haberá que remitirse á versión que deixou por escrito nese tesouro titulado Un país de palabras.

Lembraba Casares que durante unha cea na Toxa, o escritor británico de orixe hindú V. S. Naipaul «levaba á boca as primeiras culleradas do riquísimo caldo que nos acababan de servir. De súpeto mostrou un xesto contrariado de sorpresa, cun aire inequívoco de preocupación, mirou a culler e fixo unha pregunta en voz alta: ‘¿Este prato leva carne de porco?’».

Por suposto, Casares esqueceu o unto e contestou que non: «Galicia é un país de comedores de caldo. De aí que merecese a pena poñer en xogo a salvación eterna por permitir comprender este feito a Naipaul».

Porque, no fondo, esa pequena historia do caldo está a falar de que a literatura é a arte de enfrontar ao ser humano coas súas imperfeccións, contradicións, debilidades e incertezas, e que a gran narrativa sempre fai todo isto desde a compaixón, a tolerancia e mesmo a absolución dos seus febles e dubitativos protagonistas.

Por iso, cando o outro día o pequecho me preguntou se aquela pizza levaba xamón, eu lembrei a Casares e Naipaul ceando caldo no Gran Hotel da Toxa, e díxenlle que non, que era pavo.