O humanista


O meu amigo Paco Mariló é un humanista desencantado. Os da cuadrilla pensan que dende que tivo o accidente da man, que foi moi grave, mudou completamente. Din que sempre está preocupado por se discutimos ou deixamos de discutir. Que cada vez que sae unha noticia violenta nos xornais, pasa páxina. Que na radio só escoita música clásica e non quere saber de enfrontamentos, violencias ou conflitos. Onte mesmo, cando iamos cear, díxome: «Neno, o home é un lobo para o home». «Paco, iso escribiuno Plauto, homo homini lupus, e despois popularizouno Hobbes», contesteille facendo referencia aos sabios que dictaran aquela frase principal da historia. «Mira, intelectualillo, iso é meu», respondeume visiblemente molesto. O certo é que este comportamento do Mariló vén de moi atrás. Sempre profesou un amor enorme polos animais, decepcionado cos humanos. Principalmente os cans. Agora ten un intelixentísimo, Rusti, ao que só lle falta falar. Cando paso pola súa casa podo intuír a súa astucia. Non come sobras do día anterior, nin comida para cans que non sexa de alta gama. Distingue o xamón do país do cinco jotas. E se ten que manducar unhas cigalas, cómeas sacándolles a casca coas unllas. Ese amor do Mariló polos animais vén da súa infancia, cando estudaba na escola de Queirugás. A mestra era Mari Carmen Lovelle, que foi deputada e a única alcaldesa que tivo Verín. Un día mandou levantar ao Mariló. Preguntoulle: «¿Paco, que es la racionalidad?». Diante do seu silencio, mudou a pregunta. «¿Cuál es el único animal que piensa y entiende?». Silencio de novo, mirada ao teito, man ao papo. Responde o Mariló: «Señorita, yo creo que es el perro». Un humanista desencantado, o meu grande amigo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
25 votos

O humanista