La Voz, Casares e outros bos e xenerosos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, como cada ano, La Voz de Galicia agregouse á gran ocasión das Letras do país de Nós. Digo de Nós con maiúscula, incidindo na importancia do verbo sumar e na impiedade da resta e de todos os rancores e sectarismos. Digo tamén que o idioma é de todos, como Casares e a biografía asinada por Riveiro Coello que onte se presentou na rúa Tabernas, onde a Real Academia Galega ten a súa sede. La Voz, outra vez, fai da suma e de Galicia a súa razón de ser e estar. Ao longo dos seus cento trinta e cinco anos de historia contribuíu de modo determinante no progreso deste país e, polo tanto, da súa cultura e idioma. Non houbo un asunto concerniente á cultura galega que non tivese espazo no periódico. Dende a literatura incipiente e a lingua minorizada, cando había que remar río arriba, ata a normalización lingüística e as súas leis. Dende o oprobio e a marxinalización do noso ata a exaltación dos valores intrínsecos e diferenciais deste país espléndido. La Voz acolleu todas as voces e os máis grandes escritores galegos pasaron polas páxinas deste periódico. Non houbo na súa selección outro criterio, estou certo, que non fóra o talento e a pertinencia das súas ideas. Foi este diario a ágora pública onde se alzaron criterios e intelectos para derrubar o totalitarismo do pensamento único. Non importaron as ideoloxías, senón a agudeza e as razóns. Podería citar centos de homes e mulleres brillantes que deixaron pegada nestas páxinas, en galego e desde Galicia, pero hoxe quero centrarme no último dos grandes: Carlos Casares.

Insisto no aserto: o último dos grandes. E non vou facer referencia á súa obra literaria que, como un fractal, disemínase en múltiples tendencias ou labores. O sol do verán e Os escuros soños de Clío son para min as cimas da súa prosa, e penso que serán capaces de derrotar ao tempo, ese devastador das modas e da corrección política. Como columnista, aquí, fixo o seu lugar e edificou unha literatura propia e intransferible. Como xestor cultural e executivo das ideas, dotado de pulcras habilidades sociais, un home irrepetible (¡que necesario serías agora, Carlos!). Como orador, con Otero Pedrayo e Basilio Losada, o máis célebre entre os nosos. Todo virtudes. Porén hai unha que eu quero ponderar por riba de todas as demais: o seu talante. Chamémoslle «substancia Casares». Fixo da concordia e do diálogo, do consenso e da anuencia, verdadeiros sinais de identidade. Marcas que quería trasladar ao credo diario de Galicia. E aí radica a máis sublime das súas grandezas: era bo e xeneroso. Botámolo de menos. Polo seu afán e firmeza. Foi piñeirista cando ser piñeirista estaba prohibido. E tamén foi de Risco, absolutamente, un dos intelectuais máis excelsos de Nós e a quen unha parte dos xerarcas da cultura seguen a desprezar (definíndose a eles mesmos, non a Risco). Foi de todos. Por iso acabou escribindo en La Voz, e La Voz honrouno deixando en branco o seu espazo un día de marzo de 2002 e onte, con clamor académico, na rúa Tabernas. Sumar era o verbo.