Unha censura obrigada

OPINIÓN

08 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Causa abraio comprobar a escasa vivencia democrática que hai no país, ou, polo menos, nalgúns medios, censurando un procedemento tan democrático como a moción de censura. Os grandes argumentos en contra son: que non foi consensuada, que non ten posibilidade de éxito ou que se trata dun «numeriño» dos que a promoven. 

A xente anda mal de memoria: xa esqueceu a moción de censura do PSOE con Felipe González ou a de AP con Hernández Mancha; pero, sobre todo, esquecen a transcendencia que a primeira tivo na historia democrática deste país, por máis que non prosperase: o país enteiro tivo claro dende ese momento que había unha opción política que podía asumir o Goberno, como así sucedeu a seguido, porque había circunstancias que aconsellaban, ou esixían, o cambio.

Naquela ocasión era o risco de involución o que vivía a sociedade; e agora é, xa non o risco senón a evidencia, de que xa estamos na perigosa fase de desprestixio das institucións e, tamén, da deturpación das mesmas. Os xuíces falan de políticas organizadas para delinquir, funcionarios xudiciais quéixanse de ataques á súa independencia e a corrupción é xeneralizada.

Claro que non lle convén ao partido maioritario que se lle dea máis publicidade a esa situación. Nin aos acólitos que o sosteñen, e menos a esa aspirante que puidera poñer en evidencia o seu pasado conectado con Griñán e Chaves e os ERE. Son intereses lóxicos de partido, pero nunca confesados. ¿E cales son os de certa prensa que tamén demostra temores semellantes?

Nós pensamos que xusto é este o momento para que unha moción de censura deba ser proposta, prospere ou non. Para clarificar o que outros queren ocultar ou que se opoñen a deixar claro. Por indispensable transparencia. Por democracia, sinxelamente.