Quen fala hoxe dos traballadores?

Lourenzo Fernández Prieto
lourenzo fernández prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

08 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das cousas máis asombrosas que están pasando neste último ano é que hai quen está a recuperar aos traballadores como suxeito político. Aparentemente e contraditoriamente. Levamos décadas escoitando falar da fin da clase operaria, dos discursos para toda a sociedade dende a esquerda, da complexización das clases sociais nas sociedades avanzadas, pero de súpeto os traballadores -así, en masculino- volven estar no discurso dalgúns políticos. Trump, en toda a súa longa campaña, non parou de referirse a eles como protagonistas electorais do seu «América primeiro», Marie Le Pen fala de cote como defensora dos traballadores franceses fronte aos competidores inmigrantes na versión máis clásica, a última foi a Theresa May de despois do brexit, nun xiro discursivo que nunca imaxinaramos nos conservadores británicos. Claro que tampouco imaxinábamos a Trump presidente, o brexit, nin tantos xenófobos chauvinistas volvendo ameazar Europa. Incrible pero verdade, presten atención ao que din.

Outros seguen a inercia de querer volver a un seu pequeno mundo que xa non existe. A recente insistencia do PSOE no discurso socialdemócrata é loable, pero non tanto o empeño dalgúns, como Abel Caballero, en usar esa etiqueta para negarse como esquerda nun curioso pinchacarneiro dialéctico que diferenza a socialdemocracia da esquerda. Non é unha teima nova no mundo ibérico e de feito así se deu en chamar despois da Revolução dos cravos o partido maioritario da nova dereita portuguesa: Partido Social-Demócrata Portugués foi o nome elixido para intentar roubar a bandeira ao socialismo de Soares. Por contra, o español sempre foi antes que nada o Partido Obreiro e o outro, o de socialista, era en realidade un adxectivo colocado antes do nome. Non creo que o lusismo do alcalde vigués chegue a tanta reviravolta. Nestes tempos de tribulacións é doado confundirse, pero aínda é máis doado enganarse. Daquela celebración no inicio da transición da frase de Prieto sobre «ser socialista a fuer de liberal», parece chegarse a un imposible ser centrista a fuer de socialdemócrata.

A apelación aos traballadores pode parecer vella, antiga, decimonónica, pero feita precisamente por estas novas dereitas que queren gañar apoios en Francia e o Reino Unido e que mesmo gañan eleccións en América, chega cargada de connotacións. Significa que o vello mundo do traballo segue aí, como non podía ser doutra forma, por moito que os traballadores puxeran gravata a diario, por moito que nos ameacen os autómatas ou mesmo por iso tamén. Significa que a fenda entre ricos e pobres da que falan as estatísticas ten efecto, que o medo ao futuro que teñen os que traballan e máis aínda os parados ten fundamento, que a realidade dos traballadores pobres ou empobrecidos non é só sensación ou estatística. Que esas novas vellas realidades están aí e que hai quen quere protagonizar politicamente ese descontento.