Novos tempos, novos consumos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

19 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pregunto aos meus alumnos, futuros xornalistas, futuros avogados, futuros estudosos das ciencias sociais (agás que a precarización os leve por diante, que tamén pode ser), pregúntolles, digo, sobre cantos deles (e delas) len o xornal todos os días, ou dito doutra maneira: a través de que fórmula acceden decote á información para enteirarse do que sucede no mundo. 

Un alumno, dunha clase de 70, le en papel. Non todos os días, se acaso un par de veces á semana, máis ben os sabados ou domingos pola mañá. «Leo o xornal na casa porque os meus país están subscritos», recoñece. Aproximadamente a metade le (infórmase) a través da rede: visualizan titulares petiscando aquí e acolá en Internet, e a inmensa maioría, nas tres facultades onde realicei a mostra, saben das cousas a través da marea social: Facebook e Twitter principalmente. «Como Donald Trump», espétame un deles, retranqueiro.

Respondo preguntando se consideran estes medios os máis axeitados para obter unha información suficiente. Información suficiente para construir unha opinión crítica quero dicir, principio básico da cidadanía.

«¿Que credibilidade ten esa fórmula?», insisto. «¿E que credibilidade teñen os xornais, as tertulias radiofónicas, os programas de TV, os discursos dos políticos?», retrúcanme. O consumo de televisión desapareceu entre a xente moza. Consumen series de ficción, descargándoas a través da computadora, a poder ser de xeito gratuito.

A TV, tal como a nosa xeración a viviu, é un medio absolutamente marxinal, fóra de momentos moi concretos. Tampouco a radio, agás a fórmula musical. ¿O cine? Van ao cine, en parte para relacionarse socialmente, e mais por afección.

A música consúmena en Internet, aínda que case que ninguén paga polo acceso. Diso encárgase a publicidade, ou non saben moi ben quen.

Lembro unha frase da socioloxía crítica americana que di: «Se algún servizo é gratuito, pensa que o produto es ti, non o servizo». Pero non lles importa. Non teñen nada que agachar.

Tampouco lles preocupa un exceso posible de publicidade. Deprenderon a vivir nese océano e, sempre que poden, mándana directamente ás papeleiras. ¿Lectura? Gustan dos libros. Ou mellor: aínda teñen certo pudor nesta cuestión. O libro segue tendo un alto significado simbólico. «Pero son caros», advirten. «E tampouco temos moito tempo para ler». Len doutra maneira, nas pantallas, nos smartphones... Moi poucos levan reloxio. Para consultar a hora está o celular. Alguen podería pensar, lendo este artigo, que estou a pintar un horizonte apocalíptico. En absoluto. Simplemente estamos diante dunha mutación social que se manifesta aceleradamente nas últimas xeracións e coa que hai que saber convivir e deprender a xestionar.

Porque eles, os novos, xa o fan.