O Estatuto dos 16
Foi o meu primeiro libro como editor, en 1979, encargo técnico de Bieito Ledo, que daquela era xerente de Editorial Galaxia. Oitenta e catro páxinas. Manuel Reimóndez Portela, presidente da comisión, narra día a día e polo miúdo como se desenvolveron as dezasete sesións nas que se debateu e redactou o texto dun documento que serviu de referencia básica á autonomía vixente, non sen algunhas reviravoltas e desafeccións que están nas crónicas. A conquista da autonomía galega foi un proceso difícil, que esixiu pronunciamentos arrichados, intelixencia política (sentido da oportunidade histórica), moitas horas de traballo, teimosía, conviccións, paciencia e, chegado o momento, mobilizacións populares daquela sen precedentes.
O Parlamento de Galicia vén de tomar a decisión de conceder a súa medalla de honra aos compoñentes daquela comisión, o que equivale a un recoñecemento simbólico de xustiza e de agradecemento: polo esforzo realizado, polas achegas obxectivas que no texto se fan e pola xenerosidade dos participantes. Na fotografía da cuberta do libro veñen todos, xunto co presidente Antonio Rosón, que foi o pai da idea: convocar a todos aqueles que quixesen participar na elaboración dun documento que quería ser primeiro borrador do ordenamento político da nosa autonomía, principio dunha etapa histórica que leva 36 anos vixente, se a contamos dende a entrada en vigor do Estatuto actual (1981). O texto dos 16 non é exactamente o mesmo. Pero serviu de referencia moi determinante para a elaboración definitiva da carta autonómica.
Cunha característica que quero subliñar: o esforzo de todos e cada un dos participantes (persoas e grupos políticos) para atopar un denominador común perante un desafío tan transcendental: a construción da Galicia democrática. Con diferenzas, algunhas certamente importantes, alí estaba a UCD, cunha maioría esmagadora no Parlamento e oito representantes na redacción; o PSdG-PSOE (dous representantes), Coalición Democrática, que hoxe é o Partido Popular (dous), Partido Comunista de Galicia (un), Partido Galeguista (un), Partido Obreiro Galego, futura Esquerda Galega (un) e o Partido do Traballo (un). Autoexcluíranse a UPG, o PSG e mais o Movemento Comunista de Galicia, que entón teimaban na proposta das Bases Constitucionais.
A crónica (íntima) dos debates que a xeito de diario escribe Reimóndez Portela é, ademais de amena, interesantísima para coñecer a intrahistoria dos feitos e mesmo o carácter dos protagonistas. A maiores, cada grupo expón a súa posición diante do documento e a súa posible transcendencia. E outro dato que hoxe, afortunadamente, entendo que non se produciría: entre os representantes que participaron na redacción, só había unha muller.