Unha iniciativa feliz

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Feliz e intelixente. A memoria de Rosalía de Castro, a nosa primeira bandeira, logra unha vez máis o milagre de unir vontades arredor do que a súa figura significa: a existencia mesma de Galicia, da súa cultura e da súa dignidade colectiva, por riba de diferencias ideoloxicas, diferentes posicionamentos políticos, distintas maneiras de enxergar a realidade e mesmo distintos proxectos de futuro. Unha vez máis, álzase Rosalía coma un xigante para protagonizar un xesto aparentemente ben pequeno, case doméstico poderiamos dicir: poñerlle nome a un aeroporto. Tan aparentemente pequeno e, non obstante, tan significativo.

Un dos portais de acceso ao país, o da capital de Galicia, anuncia polo mundo adiante non só o nome dunha escritora, que hai moitas, mais o nome da nosa voz fundacional, a voz que na segunda metade do século XIX recupera a dignidade da que falabamos antes: a palabra dos nosos avós e dos nosos bisavós, a palabra humilde da tribo silenciada, voz de muller, orgullo do que podemos presumir polo mundo e a historia. O próximo 24 de febreiro cumpriranse 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, cidade na que vivíu a súa mocidade e onde deu os primeiros pasos arredor da cultura (como actriz, por exemplo), onde forxou as primeiras amizades, e á que volvería despois tantas veces, na compaña do seu home, Manuel Murguía, e da sua familia. Non foi o único lugar que habitou: Madrid, Vigo, A Coruña… mais sen dúbida é a cidade simbólica dese soño común, que mesmo xa daquela trascendera as fronteiras administrativas do país e dera froitos na Galicia exterior, en Cuba principalmente. E a Santiago volveron os seus restos despois de morta, en 1891, nun dos acontecementos multitudinarios da cultura participada pola xente do común. Pero o que máis atención a aplauso merece da iniciativa do Concello de Santiago, que deberán facer agora súa a administración central e a empresa que xestiona os aeroportos, non é tanto a idea de poñer o tal nome como a resposta practicamente unánime das forzas políticas e mesmo de institucións civís, atrévome a dicir que do conxunto da sociedade galega. Hai territorios simbólicos no que nos recoñecemos por riba de diferencias, como dixen antes, propias por outra banda das sociedades complexas e desenvolvidas. Tampouco é a primeira vez que se homenaxea administrativamente a figura de Rosalía (selos de correos, billetes de 500 pesetas, espazos públicos, centros docentes), mesmo nos ámbitos da globalización (o portal de Google no ano 2015). Mais o que de verdade resulta emocionante é esa resposta social unánime. Emocionante e, ¿por qué non dicilo?, en gran medida previsible, o que nos honra. O aeroporto de Bologna, en Italia, leva o nome de Guglielmo Marconi. O de La Habana chámase José Martí. Non abundan os nomes de poetas ou personalidades da cultura. A meirande parte dos aeroportos bautízanse con nomes de políticos, mesmo a risco de convertérense en flores caducas, ou discutibles. Neste caso Rosalía, máis viva ca nunca, é de todos.