Déixao ir

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

30 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Afin de ano é nostálxica por definición. Algo morre. O tempo pasa. A vida cóntase por nadais pasados que sempre parecen mellores porque xa están medio esquecidos. Os balances xorden coma o po que se ergue no ar a modo de obituario de actores, estrelas do rock, grandes escritores, mulleres asasinadas, amigos que se foron; e entre ese po morriñento agroman os proxectos de estrear un ano a lembrar que a vida esmaga o que xa foi, porque, en fin, todo tempo pasado foi peor.

Quizais é temeridade de optimista, pero polo menos eu sigo viva. A min non me matou o meu home nin me queimou viva unha fogueira acendida despois de que me cortasen a luz; e penso nun ano novo sen George Michael ou sen Prince, pero con Madonna aí para lembrarnos que sempre nos quedará o corpo que esperta grazas ao rock, e os poemas que escribiu Leonard Cohen, a utopía da revolución e a posibilidade de atreverse a exercer a liberdade absoluta, e tamén os libros que aínda temos que ler e que escribir, e o mundo por coñecer que aparecerá, sen saber moi ben como, un bo día do 2017, un día no que xa ninguén lembrará ese 2016 nefasto dos Trumps e dos artistas mortos. Sempre hai un día do ano novo no que xorde a vida inesquecíbel e arrebatadora, esa que lle dá sentido a que sigamos aquí, deixando que o tempo pase e agardando intrigadas non se sabe moi ben o que.

Non son eu de aferrarme ao pasado, así que a fin de ano me parece mellor momento para facer proxectos. Porque o 2017 tamén será un ano terríbel pero... sempre nos quedará o 2018 nesta espera ilusionada de que o mellor sempre está por vir.