Bibiano tiña razón: ruxe coma un carburador

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

29 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na década dos oitenta, Vigo se reinventaba por mor dunha reconversión industrial brutal preguntándose, coma Supertramp, crisis, what crisis? O presente chamábase posmodernidade e Bibiano Morón, finado onte, foi unha das súas pezas clave. Nacía unha nova forma de entender a cultura en Galicia nun tempo no que, alén do eido editorial, non se medía con parámetros económicos. De aí o profundo interese da figura de Bibiano, obreiro industrial, compositor, cantante, produtor musical e inventor de ferramentas culturais impensables a priori, para un país onde, daquela, seguía sendo maioritaria a man de obra rural.

Tivo moito mérito aquela transición cara á consolidación das industrias culturais no noso país grazas a visionarios coma el, que apostaron por unha actividade económica hoxe imprescindible. Velaí o dato: a cultura supón o 2 % do PIB galego, e é no Sur onde se xera case a metade desta achega, e dentro dese Sur, Vigo lidera a actividade no canto a industria cultural, desde a clásica das artes gráficas, ata as máis recentes de actividades artísticas e espectáculos.

Nese traxecto discorreu a historia de Bibiano, desde o seu traballo como soldador en Barreras, dirixente das Xuventudes Comunistas, paseante das noites no Satchmo -e logo no Kremlim-; do seu grupo Trenvigo xirando por Galicia xunto a BAR (lembras, Ángeles?); do concerto iniciático do Nadal Rock con Siniestro Total nos Salesianos en 1981, ao de Madonna en Balaídos, en 1990 (pura década prodixiosa); da FM de Radio Popular de Vigo xunto ao apoio incondicional de Jesús Ordovás en Radio 3; da información alternativa e fanzinera de Pilar Comesaña e Xavier Moreda; da súa teima -e logro- por crear unha Aula de música moderna e electrónica na que fixeron as súas primeiras maquetas grupos da Movida, como Aerolíneas Federales e tantos outros. Porque daquela, Galicia, desde Vigo, proxectou unha imaxe nova, suxestiva, de vangarda, sobre de todo na música, con Golpes Bajos, Semen Up, Batallón Disciplinario, Vacuna Antibritánica, Control Remoto, Los Buzos, Os Resentidos...

Bibiano creía niso e albiscando un mercado laboral en expansión, promoveu a creación do Sindicato Galego da Música. Foi un viaxeiro incansable por lugares e aventuras do máis variopinto, de Compostela ata Alcabre, desde Voces Ceibes ata a música latina, co seu mítico festival Para Vigo me voy... Unha vida que se pode solfear, na que apostou, ao cabo, pola produción musical e pola música coma un medio de vida para centos, milleiros de persoas na Galicia que cambiaba de século. Así o profetizou Bibiano no seu Adagio para Janis Joplin: «Ábrese na túa gorxa un paradiso de dor, sobrevoando América, mentres o mundo ruxe coma un carburador».

Pois si, ruxe. Hoxe o mundo da cultura ruxe coma un carburador e aporta máis ao PIB galego que a automoción. Queda moito por facer, pero, ás veces, os soños se cumpren.