Ana

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ana era unha moza con todas as alegrías do mundo por vir. Ana era unha compañeira excepcional. Ana era unha filla amada. Ana era unha parella desexada. Ana era moitas cousas. Mais Ana... só era. Xa non é.

A Ana matárona. Asasinárona. Nun crime con condicionantes sexistas que non sería posible atopar dándolle a volta aos personaxes. César nunca chegaría a atoparse na situación que ocupaba Ana. Porque a sociedade non o permite. César é un home.

Ana era unha muller.

Ana tamén é a miña irmá. Ana é a miña filla. E aínda que non compartamos nome, Ana tamén son eu, e miña nai, e as miñas amigas, e as amigas de miña nai, e as primas, e as compañeiras, e as cuñadas, e as coñecidas, e as descoñecidas... e todas as mulleres. Si. Todas as Anas do mundo somos así de vulnerables.

E xa está ben!

Saír á rúa non debe supor un perigo distinto por cuestión de sexo. Non penso camiñar temerosa polo simple feito de nacer muller. Non penso baixar a cabeza nin deixar que me pisen ou me esmaguen.

Ana non era unha soñadora nin unha ilusa. Nin as súas amigas tampouco. Foi ese o motivo polo que soubo dicir non, tamén polo que a acompañaron ata o portal da casa. Quen ía pensar... A atrocidade humana ás veces non alcanza as mentes dos criminais.

Eu tamén o faría, Ana. Querería ser valente coma ti.

Eu puiden ser Ana. E ti tamén.

Reflexionemos. Entre todos estamos a construír a sociedade. Somos, en certo modo, responsables dos crimes machistas. Perdóanos, Ana. Por todas, non permitamos nin unha máis. Basta xa!