A excepción ibérica na marea extremista que percorre Europa

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

13 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que non avanza a extrema dereita hoxe en España e Portugal? Esa extrema dereita xenófoba, antieuropeísta e insolidaria que vemos avanzar en Francia con Le Pen; en Inglaterra con UKIP; en Holanda co Partido da Liberdade de Geert Wilders; en Austria, onde acaba de darnos un susto; en Dinamarca; Suecia e Finlandia, onde está situándose entre os tres partidos principais; en Hungría, onde goberna; ou en Polonia, onde a acollen os gobernantes ultraconservadores actuais. Esa mesma dereita extrema que fantasea dende hai anos en Italia dentro da Liga ou de Forza Italia, ou que dende o 2013 se organiza nas terras xermanas co nome de Alternativa por Alemaña. Mesmo podemos preguntarnos por que en Italia e en Alemaña avanza moito máis torpe e lentamente que nos demais países.

A pregunta non é nova, pero cada vez parece máis importante, vendo o avance dos extremistas de dereitas en Europa elección a elección, ao que se lle vén sumar o triunfo de Trump en América. Sobran ingredientes para considerar preocupante a situación e, neste contexto, a suposta excepcionalidade ibérica adquire un sentido que debe ser pensado e repensado. Se pensamos en razóns conxunturais ou de ciclo curto para entender o avance da extrema dereita topamos cunha restra delas: a longa crise económica actual, os negativos efectos das políticas neoliberais sobre o Estado do benestar, os sucesivos erros dunhas políticas europeas que se presentan incapaces de avanzar na cohesión política despois da creación do euro, son algunhas delas. Pero chegados a este punto seguramente cómpre pensar en ciclos temporais máis longos.

Somos pasado, e o pasado europeo non é tan democrático como o lembramos, nin tan confortable como o que gozaban a maioría dos europeos cando estalou a crise. Somos memoria, e na memoria das actuais xeracións de moitos destes países algúns botan de menos os vellos bos tempos imperiais perdidos e outros aquel Estado do benestar que non tiña fin nin descanso, conseguido despois da última posguerra. Somos tamén historia e é aí, no relato histórico de moitos europeos do Mar do Norte aos Urais, onde se mesturan os recordos de vellos imperios perdidos. Esa mesma grandeza que Trump quere recuperar.

Aí reside a diferenza de Portugal e España, pois en ambos Estados o imperio perdido -recente ou lonxano- é un mal soño do pasado do que non hai boa memoria popular acompañada dunha historia engrandecedora que serva para ofrecer futuros grandes pasados a ningún demagogo. A diferenza, polo de agora, reside ademais na xestión dun pasado incómodo demasiado presente. Dúas ditaduras aliadas e imitadoras por algún tempo dos fascismos dos anos trinta e resistentes como excepción europea até mediados da década de 1970. Por contra, o resto dos países europeos divídense entre os que se creron resistentes e antifascistas no oeste e os que ademais diso créronse democracias populares, sen liberdades nin pluripartidismo, no leste. A parte, a culpa de Alemaña e a ambivalencia italiana. Logo está Austria, terra de Hitler, que logrou convencernos a todos de que o líder nazi era un alemán de pura cepa e que a eles os invadiran e os anexionaran contra o seu unánime parecer.