Mentira ou pode que farsa

OPINIÓN

12 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É un feito do noso tempo a deturpación da linguaxe, sempre ao servizo de intereses case nunca limpos: mantras, supostas sínteses, lóstregos verbais... tenden a desfigurar a realidade, a conformala a intereses particulares e a que teñamos por realidade o que non é senón farsa e puro embuste sen fundamento. Entre eses supostos de linguaxe revirada, que mira máis á propaganda que á verdade, e moitas veces tan só a estordegar a realidade, dun tempo a esta parte temos que aturar a expresión «partidos constitucionalistas» para suxerir que hai partidos que non o son, se ben nunca se di cales poden ser -o que xa é unha primeira confusión-. E a segunda é que os que propoñen a reforma da Constitución son sospeitosos de non aceptala -o que é falso- ou que son antisistema -o que en xeral tamén o é-. As opcións políticas existentes actúan, en xeral, ao abeiro da CE, por máis que algunhas delas propoñan a súa reforma. Trátase dun exercicio ben natural de democracia, que nun país normal sería gabado e nunca rexeitado, e, en calquera caso, non se lle ocorrería a ninguén demonizar. No caso dos secesionistas, cando abertamente non aceptan as normas constitucionais vixentes, é claro que quedan fóra da súa protección. Pero loitar democraticamente para que se recoñezan dereitos aceptados no mundo civilizado, debe ser un dereito protexido e nunca obxecto de obsesiva e teimosa persecución. Aínda nos custa aceptar o que é o exercicio normal dun dereito en democracia, e certas opcións para algúns sectores, bos transgresores cando cadra, producen agudos proídos. É lóxico cando, como aquí ocorre, a política grande, sempre pedagóxica, foi substituída polo insípido aldeanismo, tan miserento como pitoño, que hoxe é típico da política española.