Descubrindo a Plácido Castro

OPINIÓN

05 dic 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

O descoñecemento xeral de Plácido Castro é unha consecuencia dos corenta anos de persecución da cultura galega e outros corenta de apatía intelectual deste desgraciado país. Moi a modo, vaise sabendo algo sobre este home que tantos camiños abriu para a cultura do noso país e que tanto nos ensinou.

E debémosllo a Xulio Ríos, ao Igadi, que el dirixe, e á Fundación Plácido Castro, que publica agora Verbas Atlánticas, edición de Laura Linares Fernández, volume que contén traducións de poetas ingleses, escoceses e irlandeses, e que nos mostra nas súas trescentas páxinas ao Plácido Castro tradutor, dedicación na que foi un adiantado e aínda descoñecido.

Porque, en xeral, a noticia que a xente ten de Plácido Castro é por unha mención que Castelao fai á súa figura no libro Sempre en Galiza pola súa intervención no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933, no que Galicia foi recoñecida como nación europea.

Foi un adiantado en suxerir e deseñar as posibilidades dunha política exterior galega; foino como tradutor, tamén nas ideas básicas do seu pensamento político (democracia, liberalismo, identidade); no seu nacionalismo internacionalista, sempre incluínte e nunca excluínte. E profético no seu escepticismo dos predicadores da boa nova sobre o home novo. Un home civilizado, cousa que en Galicia non semella contar moito.

O cabal coñecemento desta extraordinaria figura ben podería axudar a que a política galega de hoxe se volvera máis racional e máis moderna, máis civilizada e máis eficaz. Formado na cultura inglesa, pode ser un exemplo de político inscrito nunha antiga tradición do galeguismo de modernizar espiritualmente o noso país, de abrilo ao mundo civilizado, ao que ao cabo pertencemos.