Iglesias e a masculinización da política

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Querido Pablo Iglesias, ¿que pensaría se eu escribise isto?: «A masculinización da política non ten nada que ver con que os partidos políticos teñan máis homes en cargos de representación»; pero sobre todo: «Masculinizar a política é construír comunidade nos centros de estudio, nos centros sanitarios… Iso que tradicionalmente coñecemos porque tivemos pais, que significa coidar», porque masculinizar a política é «ter unha rede de apoio que asegure que existen comedores sociais». 

¿Que? ¿Mola?

Diría que minto, ¿non si? ¿Gustaríalle que un líder progresista relacionase o que vostede non pode evitar ser (un home) con roles menores e invisibilizados na política? ¿Non poría vostede o berro no ceo se alguén vinculase o seu rol na vida a ser só un apoio sentimental, coma se non tivese un cerebro desde o que crear ideas e asumir responsabilidades? ¿Gustaríalle que se considerase que vostede só vale para apoiar o que os verdadeiramente capaces idean?

Substitúa as palabras home, masculinizar e derivados, por muller, feminizar e derivados, e entenderá (de lonxe), como nos sentimos as que exercemos a loita contra o rol de esposas, nais e coidadoras dunha sociedade que, exercendo un barato paternalismo, tomou por nós a decisión do que debiamos ser. Iso é moi da vella política, amigo. E non me veña con que se manipulou o que dixo. Cando un cre realmente na igualdade e na loita feminista, nin sequera hai posibilidades de manipularlle o discurso. Retratouse, aínda que algo diso xa uliscábamos cando o símbolo feminino do seu partido, Carolina Bescansa, decidiu amosar ao mundo que o seu rol na política era o da nai primeiro e da deputada despois.