En lembranza do Valedor do Pobo José Ramón Vázquez Sandes

Milagros Otero Parga TRIBUNA

OPINIÓN

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe quero compartir con todos vostedes un recordo. O recordo dun ilustre galego. Dun home que dedicou a súa vida ao servizo da Xustiza. O meu recordo non é triste, senón agradecido, porque creo que as persoas permanecen mentres outros as lembremos.

Tiven a fortuna de coñecer persoalmente a José Ramón Vázquez Sandes hai algúns anos. Desde o comezo cativoume a súa mirada, porque non pasaba por encima dos demais simplemente véndoos, senón que miraba cara a dentro, cara á alma das persoas. El escoitaba coma se realmente lle importase aquilo que estaba a oír. Saber escoitar é unha virtude que poucas persoas teñen na actualidade e desde o primeiro momento esa calidade, creo que innata no Valedor Vázquez Sandes, cativoume. Máis tarde souben da súa vida. Souben que nacera en 1929 en Santa María de Neda (A Coruña) e que ingresara na carreira xudicial en 1956. Souben do seu amor a Galicia e da súa identificación co pobo galego, pois aínda que a súa vida profesional o levou ao xulgado de Primeira Instancia de Sepúlveda (Segovia) e despois a Salas de los Infantes (Burgos) e a Badaxoz, retornou en canto puido a Noia e despois, por petición propia, á Audiencia Provincial de Pontevedra. A súa carreira profesional levouno en 1985 a Salamanca, onde foi nomeado presidente da Audiencia Provincial, posto que ocupou durante cinco anos, pois en 1990 foi nomeado presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Xubilouse en 1999, ao cumprir a idade regulamentaria para facelo, pero aínda continuou exercendo o seu labor como maxistrado emérito do Tribunal Supremo os anos 2001 e 2002.

En febreiro do 2002 foi elixido Valedor do Pobo de Galicia, cargo que desempeñou ata o 2007.

Na miña condición de Valedora do Pobo de Galicia podo afirmar que esta institución garda memoria certa do seu bo facer, da súa cordialidade e da súa amabilidade non exenta de firmeza cando o caso así o requiría e era preciso defender os dereitos dos galegos. No discurso da súa toma de posesión, o Valedor Vázquez Sandes afirmou que se poñía ao servizo de Galicia e do seu pobo para «traballar sen límites, para atender, para escoitar, para xestionar, para conversar con todos, para expoñer, para pedir sempre e en toda ocasión con respecto e discreción». Entendía o seu labor de forma activa e por iso pedía que cando chamase ás portas dos principais organismos do país, estas «non se pechasen co silencio, ou con quizais a comprensible e inmediata idea de que chama un intruso, xa que entre todos deberemos buscar a xustiza que sempre hai en cada situación necesitada de remedio ou cambio, coa obrigación de non parar ata atopala e cumprila no que sexa posible». Cónstame que así o fixo. Estou segura de que cumpriu fielmente o mellor que soubo e puido co compromiso adquirido o día da súa toma de posesión que el mesmo expresaba con estas palabras: «Que non haxa de vencernos nunca a comodidade porque todos nós temos o deber de darnos a esta terra e á súa xente. Que ninguén tendo razón poida queixarse de nós por non esgotar todas as vías para darlla. Que nin un pouco de poder sen exercer permita que isto suceda».

Permítanme retomar con toda a forza do meu ánimo e o compromiso do meu traballo a promesa que no seu día fixo o Valedor Vázquez Sandes e coa que eu hoxe me sinto comprometida. Descanse en paz.