Política a rentes do chan

OPINIÓN

10 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pois si que se luciron os 17 de Ferraz. Penso que teñen razón os que din, como Sánchez-Cuenca, entre outros moitos, que seguen sen se decataren do mundo en que viven, o que nun político é sempre moi grave. Calquera vería que se elixiu a peor alternativa, entre as poucas que quedaban. Estar tan fóra de órbita, en política, é estar morto.

Para moitos o preocupante será perder as próximas eleccións, se chega a habelas; para algúns -e pode que non tantos-, rematar en marionetas do PP; para a maioría, se estou no certo, que un partido importante remate no que parece que vai ir minguando e quedar nunha opción rexional de dúas comunidades do sur; para moitos outros, o agardar amargo polo carguiño que se perdeu.

Para min o preocupante non é sequera o triste espectáculo do día 1 en Ferraz, por máis que sexa a expresión máis visible do problema, que non é outro que o baixísimo nivel da política española neste momento. Tan baixo e xa tan chocalleiro que a idea do esperpento aniñou nela, envólvea e non a deixa.

Por suposto que nada temos hoxe que resista unha mínima comparanza cos políticos da República. Nin sequera cos dos primeiros anos da Transición. Nin uns nin outros darían nunca o espectáculo circense do pasado día 1. Por vergonza, por dignidade e por cultura. ¿Tan escasos andamos destas tres virtudes democráticas?

Pois algúns, como o filósofo J. L. Villares, dan como orixe e explicación de semellante desfeita do PSOE a ruptura do seu vincallo coa intelectualidade, substituída pola política do cargo. Sen dúbida que iso mesmo cabería dicilo de todas as demais formacións políticas, sen excepción. Por agora, nótase máis no PSOE. Infelizmente, non tardaremos en velo nas demais formacións. E xa imos vendo en que mans estamos.