Eleccións galegas: entre a zoupada e a malleira

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia abriuse no 2012 unha fiestra de oportunidades políticas despois da experiencia do 15M, e aquí mesmo pechouse esa fiestra nas eleccións do domingo. Os votantes optaron máis polo coñecido e por non mudar -convencidos de que non están mal e amosando que non queren empeorar- que polo descoñecido e supoñendo, polo tanto, que moito non poderían mellorar. O partido que propuña non mudar convenceu a máis que os que propuñan mudar: gañou o PP cunha diferenza de só 31.000 votos cos outros tres partidos que entraron no Parlamento. Dependendo do punto de vista, o PP deu unha malleira á oposición -logrando 11.000 votos máis que hai catro anos- ou a oposición levou unha zoupada da que ten que erguerse perdendo, só nas cidades, máis de 40.000 dos votos que obtivo en xuño.

Feijoo demostrou unha vez máis a súa profesionalidade de 0 a 99 anos. Empezou a campaña anunciando a súa paternidade e pechouna o día da reflexión tomando un café con Fernández Albor para falar do pasado dos socialistas e dos galeguistas. Nin un minuto sen campaña dende que decidiu presentarse hai varios meses, nin un voto sen disputar até o último minuto. O PP demostrou máis unha vez que ten a mellor maquinaria electoral e que sabe usar o poder ao máximo para lograr manterse no poder, incluído un uso do orzamento concentrado e maximizador. A chave máis unha vez foi Ourense, onde Rajoy acampou varios días para fidelizar o voto do partido, por riba de Baltar e de Feijoo. Nin un votante popular deixou de votar.

A Marea, en troques, quedou por baixo das expectativas dos seus votantes e deixaron de votar algúns que confiaran nela dende que apareceu nas xerais de decembro pasado. No seu haber, logrou consolidarse como segunda forza, repetindo o logro histórico de Beiras de 1997, e atopou en Villares un novo e necesario liderado.

No PSOE resolveron a dúbida que tiñan antes das primarias: a que distancia ían quedar do segundo. Leiceaga foi un xabaril que superou todas as adversidades internas, pero non puido coas cambadelas de Ourense e Vigo, onde os números cantan. Abel volveu facelo e o do Carballiño que viña do CDS tamén. En todo caso é difícil gañar unhas eleccións sen unha previa oposición parlamentaria ben artellada. Nestes catro anos houbo un Goberno en corrente continua e unha oposición en corrente alterna. Agora no horizonte do 2020 a oposición ten base e liderado. Só queda que o primeiro que fagan sexa liquidar estes dous novos referentes.

O máis singular da noite electoral foi sen dúbida que o propio candidato gañador deixou inaugurada por el mesmo a era post-Feijoo. Na nova etapa moitos terán cousas que dicir, para empezar os dous cabezas da oposición; pero tamén quedan convocadas oposicións a xefe do PP e ergueuse de novo unha regandixa para Ciudadanos. Teño para min que nas eleccións do domingo o país debatíase entre ter personalidade política ou afondar como país de veraneantes. Deu un paso na segunda opción. Dado o resultado electoral, o futuro fillo do presidente seguramente non traballará aquí. A dúbida que se abre e se medrará sequera aquí.