Vixencia do ideal europeo

OPINIÓN

26 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Paréceme que acerta Varoufakis cando escribe que «só unha defensa radical de Europa ten sentido». Iso escribiu pouco antes de que a Gran Bretaña se pronunciase a favor da súa saída de Europa. Crítico feroz das institucións europeas de hoxe, pero defensor con fogaxe da Europa dos pobos, da Europa por construír.

Porque, como tamén el sinala, nada bo pode saír do derrube da hoxe reaccionaria UE; o brexit non devolverá a soberanía á Gran Bretaña; tampouco poderá fuxir do marco dos regulamentos da UE. Por iso, afirma, só unha defensa radical de Europa ten sentido. O problema está en que Europa se quere e en como se pode acadar. Será a Europa na que pensaron os fundadores e os federalistas europeos, coa que soñaron hai cincuenta anos Azaola e Lugrís, e agora Varoufakis e outros.

Ningunha hexemonía exercida por unha nación sobre as demais; unha minoría ten os mesmos dereitos que unha maioría; a federación repousa na diversidade e no amor á complexidade. A vida normal do corpo depende da vitalidade de cada un dos seus órganos, así como a vida dun órgano depende da súa harmonía con todos os outros.

Velaí o federalismo, que conxuga a competencia, a autonomía e a responsabilidade, de maneira que a corrente social se fai ascendente e a sociedade edifícase de abaixo a arriba, a partir das comunidades de vida cotiá, grazas ás sucesivas delegacións de poder, como se di no Tratado da Unión proposto por Altiero Spinelli e aprobado polo Parlamento Europeo.

Ademais, o principio de subsidiariedade garante que ningunha autoridade «superior» interveña na esfera dunha autoridade «inferior» mentres esta sexa eficaz, principio fundamental que asegura as diversidades culturais e lingüísticas que caracterizan a cada pobo e son patrimonio común.