E se o PP pasa á oposición?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

14 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ese os galegos cambian un Goberno de inercia por un o que arrinque a gobernar? Que o PP pase ao oposición é o que esperan moitos cidadáns que van ir votar o 25. Votarán por partidos diferentes ao que leva gobernando oito anos porque queren mudar de Goberno. O normal en democracia, non si? Cambiar a quen nos organiza a convivencia e fai as políticas que condicionan a nosa vida, o noso traballo, as nosas ansias colectivas. Isto non é unha competición deportiva, aínda que algúns se comporten como seareiros forofos. Tampouco unha guerra, xaora, aínda que algúns se comporten cun guerracivilismo doutra época. O frontismo é mal construtor de convivencias e un pésimo instrumento de goberno. Moito mellor é ter capacidade de dialogo e de acordo para atender a intereses plurais. Un único partido non dá para tanto.

Analizando os inquéritos (Sondaxe, CIS), arredor da metade da cidadanía galega quere ao PP na oposición despois de 8 anos gobernando. O día das eleccións saberemos se son máis que os votantes que queren que continúe e mesmo se, de ser así, os resultados proporcionan un reparto en escanos que o permita. No 2009 os partidos do bipartito lograran 5.000 votos máis que o PP (47,3 % por 46,7 %) pero un deputado menos; no 2012 só 15.000 votos máis a prol dos populares déronlles cinco deputados máis. Cúmprense agora 35 anos das primeiras eleccións ao Parlamento galego que gañou AP; tendo en conta que os mesmos gobernaron case trinta deses 35 anos (Rajoy foi vicepresidente da Xunta en 1986) non é raro que parte importante da poboación queira mudar. Por simple alternancia, pero tamén por eficacia.

O PP gañou sucesivamente por moitas razóns, entre outras que soubo renovarse para manterse no poder, sabe manexar o poder, sabe gañar eleccións mellor que os competidores e logrou manter unidas todas as dereitas galegas a maioría do tempo. Fan moi ben as campañas, aínda que polo que sabemos (Bárcenas, Correa, Crespo...) houbo algo de dumping electoral. Máis ventaxismo que libre mercado electoral. Ninguén lle nega mérito, pero en tempo electoral cómpre repasar o labor do Goberno. Como se fai en calquera país normal, e este é un país normal. Se o facemos, quizais descubramos que este é un Goberno sen ansia, rotinario, en inercia. Ou que este país necesita mudalo para pórse en marcha. A única ansia recoñecida do PP é ocupar o poder en Galicia para que non o ocupen outros.

Cando a proposta de ordenación do territorio son as cores das casas. A de evitar incendios forestais, aumentar as penas de cárcere aos incendiarios. Cando o prexuízo impide sequera entender que o magnificado problema demográfico non ten que ver con nós ter fillos (parabéns, Feijoo), senón coa sangría migratoria dos que nos poden facer avós. Cando a agricultura ecolóxica non avanza no territorio europeo con mellores condicións e a do leite segue en caída libre. Cando seguimos sen un sistema de transporte ferroviario de proximidade que nos libere de estradas, autoestradas e sinistros. Cando algunhas das mellores universidades de Europa teñen que mendigar ao poder... Ten lóxica a necesidade de que o PP pase á oposición porque os votantes o consideren un Goberno sen ansia que non aporta ideas e que escolle cargos por escalafón. A inercia non fai futuro: frea.