Rajoy: gañar por aburrimento

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

06 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todo o mundo vai ao seu, menos eu que vou ao meu». Nada reflicte mellor a actitude de Rajoy e o PP que este vello dito da aldea que descobre que as críticas que un fai aos intereses dos demais pode un aplicalas a si mesmo, porque en comunidade todos teñen intereses diferentes pero igual de lexítimos. A capacidade do PP para deslexitimar aos demais partidos criticando os seus intereses e condicionar así aos seus electorados é prodixiosa, e por iso merece explicarse. Tamén ten un punto autista, como acabamos de ver no chiripitifláutico asunto Soria. Ademais, tal capacidade de condicionar aos demais acompáñase, na nova situación de multipartidismo, da negativa a recoñecer socios cos que negociar e pactar un Goberno de coalición, que é o que toca. Non só non o fai Rajoy senón que aínda é quen de evitar que os demais o fagan. Partidariamente maxistral. Politicamente nefasto.

 Dende as eleccións de decembro Rajoy sempre tivo a mesma estratexia: aburar aos dirixentes dos outros partidos e aburrir aos seus electorados. Que o tempo pase mentres el segue nun Goberno en funcións que toma decisións que non pode nin debe, dicindo que son simples actos administrativos e non toma outras que pode e debe -pero nun Parlamento no que está en minoría- dicindo que non pode. Manexa o paso dos meses a favor de si, como fixo cando retrasou o inicio da primeira lexislatura facendo ver que ía ser candidato para logo non selo. Reclama o mérito de ter gañado as eleccións -o sumou 8 millóns de votos fronte 15- e repíteo coma se fose algo máis que o partido máis votado de catro, mentres centra no PSOE o foco da falta de Goberno como se puidese ser investido presidente por aproximación. Lémbrame ao que chegaba fóra de prazo a inscribirse nunha oposición pero insistía que era «por muy poquito» para que a Administración cedese ás súas pretensións.

O que quere Rajoy é aburrir aos electorados dos outros partidos, sabendo como sabe de vello que o seu electorado central non se aburrirá nunca de votalo. Dino os inquéritos e calquera parroquián na taberna: os que se aburren son os outros; os do PP, nunca. De aí o mantra de que non pode volver votarse, que sería un ridículo espantoso, cando en realidade é o que busca: repetir as eleccións ata que saia o que quere sabendo que os que se aburren son os outros, os propios, nunca, porque conforman unha sólida fronte e con poder. A opinión pública española sempre tivo un problema para entender a Rajoy. Aínda non entendeu que non da puntada sen fío, aínda pensan que as terceiras eleccións cadran co día de Nadal por un erro de cálculo e non por decisión deliberada para condicionar aos demais partidos!

A mesma estratexia dende decembro: que pase o tempo que eu estou no Goberno. No reino da Contrarreforma ninguén establece os dogmas como a dereita. Rajoy quere seguir votando ata que saia o resultado desexado: volver a antes do multipartidismo. Ese é o xogo e esa é a única reforma que está disposto a pactar. Tanta capacidade de elección e de interpretación, tanta liberdade non é cousa de países serios, non é católico. A sombra de Felipe II é moi alongada e segue caendo sobre nós.