Os nenos teñen que xogar

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

01 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada día resulta máis estraño ver un grupo de rapaces xogando ao aire libre. O máis frecuente é velos sós, absortos co móbil ou co televisor, en actitude sedentaria. Quizais por iso España é un dos países do mundo con cifras máis elevadas de sobrepeso e de obesidade infantil. 

Os pais son cada vez menos conscientes desta situación. Non sorprende, xa que logo, que un 80% dos adolescentes consideren os videoxogos a súa actividade de ocio favorita, nin tampouco a xeneralización dun estilo de vida impropio das características psicofísicas destas idades.

Os cativos teñen que pasar máis tempo xogando en espazos abertos, correndo, saltando, loitando, berrando. Deste xeito liberan a súa enerxía, fan exercicio físico, socialízanse e adquiren uns valores imprescindibles para a súa adecuada formación como persoas. ¡Nada máis e nada menos! O xogo contribúe a dominar as habilidades motoras esenciais.

Xogar en grupos vai fomentar tamén outra das grandes materias: a socialización. Cada vez vense máis rapaces illados, mesmo túzaros, sen capacidade de interacción cos demais, en especial cos amigos e compañeiros, tan importantes para o desenvolvemento da súa personalidade. Na relación cos outros, a través do xogo, vanse adquirir uns valores esencias para a vida adulta, como son a xustiza, espírito de equipo, xenerosidade, autodominio ou obediencia. Apréndese a compartir, a valerse por un mesmo, a tomar decisións ou a saber perder.

O neno necesita máis o xogo ca televisión, porque esta, se non hai unha previa selección e apoio, proporciónalle unha imaxe idílica da vida, fomentando a pasividade e o egoísmo. O xogo vaille mostrar, pola contra, a auténtica realidade: mover os dedos non ha ser suficiente para facer un amigo, para gañar unha competición ou para defender unha inxustiza. O respecto e o cariño dos compañeiros téñense que conseguir con constancia, entrega e altruísmo. Como ocorrerá cando sexa adulto. Pero agora, a estas idades, hai que mamalo todo, xogando como se debe xogar.