A equivocación histórica do BNG

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

27 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os óptimos xogadores de póker nunca amosan as súas cartas mentres dura a partida. É unha certeza. A política ultimamente ten máis de disciplina ludópata que de arte, máis de xogo ou aposta que de principios e argumentarios diferenciados, máis de mentira que de verdade. O BNG, por fortuna, sempre quixo distanciarse do xogo e instalarse en sólidas conviccións. A primeira e principal é o nacionalismo, a súa ideoloxía e marco de actuación. Se vostede le un dos mellores ensaios de historia política editados no noso país recentemente, Un longo e tortuoso camiño. Adaptación, crise e cambio no BNG 1971-2009, de Xosé Ramón Quintana, comprenderá que o decorrer do nacionalismo en Galicia vai unido indisolublemente á evolución do BNG, pero tamén a unha das palabras que aparecen no título dese espléndido ensaio: adaptación. O nacionalismo partiu na democracia dunha posición absolutamente marxinal pero soubo mudar, revestirse ata se converter na segunda forza política do país (25 % dos votos). Daquela Abel Caballero, como hoxe mesmo, era a imaxe preponderante do socialismo galego.

Esta semana, como unha admonición, Ana Pontón reiterou que o BNG estaba disposto a que non gobernase o PP, que se aliaría, repetindo unha evidencia que na miña opinión constitúe un erro histórico: «O BNG nunca permitiu que gobernase o PP cando dependeu de nós». Por ese motivo gobernou e goberna aínda nalgún concello en alianza co PSdeG. E case sempre foi succionado polo socialismo. Ourense, Vigo, Lugo, pero podería estender a nómina a situacións kafkianas: o BNG facía o traballo político e social pero o rendemento nas urnas sacábano os socialistas. En Vigo, curiosamente, o BNG comezou a desaparecer despois dos tempos de Castrillo, que cando chegou á alcaldía comprendeu que tiña nos seus propios aliados ao seu principal inimigo. E aí seguen instalados, no permanente erro. Máis nestes tempos. Porque os votos do BNG non os rouba o PP, senón eses con quen afirma ser aliado. Os votos do BNG foron á formación que vai ter case a metade dos seus deputados dependendo do Twitter do «patriota español» Pablo Iglesias. Os votos do BNG irán ao Saturno que comeu aos seus fillos, Beiras, para aliarse con populistas madrileños, independentistas que antes renegaban do Bloque, ecoloxistas que os consideraban pailáns ruralistas, «niños bien» que nunca pronunciaron unha palabra en galego e outros.

¿Quen se aproxima máis ao nacionalismo, o PP ou Podemos? ¿É máis nacionalista Carmela Silva que Baltar? ¿Por qué insiste o BNG en negar o evidente (o PP non é o seu verdadeiro adversario político)? É un erro histórico que debía facer reflexionar aos nacionalistas de verdade que, como dixen outrora, son os que seguen a militar no BNG. Esta reflexión pareceralles cómica a algúns. A pouco que mediten, actividade tan escasa nestes tempos de nueva política, comprenderán que o verdadeiramente cómico é amosar as cartas antes da partida. Sempre perderás.