Aos poucos, nesta esquina

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

21 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao pouco de chegar a Tahití na procura do paraíso no que rachar cos convencionalismos da sociedade occidental que limitaban a súa creatividade, Gauguin descubriu que nin sequera nos afastados mares do Sur se podía vivir só dos cocos e mangas que graciosamente ofrecían as pólas das árbores, e que mesmo para recoller as bananas vermellas había que escalar empinados outeiros. Ou ao menos así o conta Mario Vargas Llosa na súa fermosa novela (ou «novela como ensaio», como algún crítico a ten cualificado) El paraíso en la otra esquina (2003); na que o nobel peruano reflexiona sobre o dramático que resulta a procura inmediata dun utópico mundo perfecto, tanto na arte (a través da vida do propio Gauguin) como na política (na intercalada biografía da activista social e feminista Flora Tristán, aboa do pintor). A excelente novela de Vargas Llosa (compaña estival que con esta esquina reconcilia ao lector co autor das máis prescindibles outras cinco esquinas que vén de publicar) contrapón a secular tradición da ruptura fronte ao inmediato, que tantas desgrazas ten xerado á humanidade, coa necesidade de reformas ás que se chega, pola contra, aos poucos, sen cambios radicais pero sen pausa, con reformas que afianzan os avances políticos e o benestar social.

En conxunto, a novena lexislatura do Parlamento de Galicia deixa, aos poucos, moitos cambios para mellor. A Cámara galega foi a que máis tempo dedicou ao debate de todo o Estado. Foi a lexislatura na que máis proposicións de lei (impulsadas polos grupos parlamentarios) se aprobaron da nosa historia (16), e algunhas delas suscitando amplos consensos ou a unanimidade, froito do diálogo e a cesión mutua, tamén por parte da maioría. Os cambios lexislativos, 57 en total, centráronse prioritariamente en tres áreas. Primeiro, a económica: Catro leis de orzamentos aprobadas en prazo que permitiron cumprir os compromisos de estabilidade orzamentaria, financiar a menor custo o gasto autonómico, manter o autogoberno sen intervencións nin controis alleos e manter e mesmo mellorar os servizos públicos esenciais. Reguláronse por lei, para evitar gastos duplicados e inútiles, as infraestruturas de telecomunicación; ou os servizos de transporte público (leis do taxi e do transporte por viaxeiros). Aprobouse unha lei de emprendemento para apoiar o desenvolvemento do tecido empresarial e a iniciativa privada, que é a que xera emprego. E racionalizáronse os servizos públicos (lei de racionalización do sector público) garantindo a súa calidade a través do control, tamén cidadán (lei de calidade dos servizos públicos). Modificouse a lei do solo, dando certeza a axentes públicos e privados; e solucionando o problema suscitado pola anulación do plan xeral de urbanismo de Vigo, que ameazou coa paralización da expansión da nosa principal creadora de emprego, a factoría de PSA-Citroën.

Segundo, a social: Aprobamos, co consenso das tres universidades, a nova lei do sistema universitario de Galicia, para garantir estabilidade no financiamento (coas taxas máis baixas do Estado) e evitar duplicidades de gastos; así como a lei de investigación e innovación. Unha lei de garantías sanitarias mellora a atención aos pacientes, e regulouse a asistencia digna aos enfermos terminais. Aprobamos ou reformamos, tamén dialogando cos representantes dos colectivos protexidos, as leis de inclusión social; de accesibilidade; de non discriminación ao colectivo LGTB, e de protección ás mulleres vítimas da violencia de xénero. E terceiro, a área de reformas institucionais e impulso democrático: as novas leis de transparencia, de financiamento dos partidos, de reforma do Consello de Contas para a prevención da corrupción non eliminarán, pero farán moito máis difícil que nos atopemos en Galicia con casos como os que asolagan outras comunidades autónomas. A nova lei de participación cidadá no Parlamento e a reforma do seu Regulamento fan de noso un dos máis abertos e participativos de España.

Aos poucos, pero moitos cambios. Porque ao final, alguén ten que ir recoller as bananas, por moi empinados que sexan os outeiros. Non rachamos nada, e non chegamos a ningún utópico e inexistente paraíso, deses que xorden por xeración espontánea de complicados e non moi espontáneos procesos. Pero, aos poucos, aprobamos reformas que afianzan os avances políticos e o benestar social nesta fermosa e paradisíaca esquina nosa.