O coruñés polaco

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

14 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se cadra a razón de ser de Galicia é a emigración. Xosé María Monterroso, experto en apelidos galegos, demostrou que as Américas están inzadas deles (e ollando censos de Madrid ou Barcelona logo se ve canto galego emigrou España adiante). Ora, semella raro un galego a xurdir nas listas de honra da República de Polonia como cidadán honorífico dela. Aínda máis se nunca en Polonia viviu, pois dividiu a vida entre a Coruña da súa orixe e o Chubut arxentino. A epopea xeral dos galegos daría para infinitas novelas e filmes de aventuras, como se veu saber pola conferencia Ribeirenses na Patagonia que hai pouco daba en Aguiño Manuel Antonio Rei Flórez. E este cidadán español é o famoso polaco de honra: as súas investigacións xornalísticas non ficaron no referente aos galegos de profesión honrosa; entraron mesmo nas escuridades do tráfico de mulleres enganadas, levadas da Europa á América. Nos campamentos petroleiros da Patagonia sempre se falou das «polacas dos lenocinios», para vergoña da católica Polonia; ata que Rei Flórez desvelou que aquelas mozas eran xudías centroeuropeas alá arrastradas pola mafia Zwi Migdal, tamén xudía. Na embaixada polaca de Buenos Aires fixeron festa para entregar ao coruñés medalla e pasaporte dunha patria a onde os galegos -polo momento- nunca emigraron.