Arden Galicia e Portugal

Lourenzo Fernández Prieto / David Soto Fernández FIRMA INVITADA

OPINIÓN

14 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«No 1957 a miña familia veu da Fonsagrada para Ribadeo, viviamos da labranza e do gando que tiñamos no monte e quedámonos sen mantenza e sen riqueza cando a Forestal plantou de pinos todo o monte do lugar». Dixémolo moitas veces e seguirémolo dicindo. Alén dos incendiarios que os hai, da seca que tamén é grande este ano, das choivas intensas do inverno e a primavera que xeraron moita biomasa, dos ventos que favorecen a propagación e dificultan a extinción, hai razóns moito máis profundas de por que arde o monte en Galicia. Hai que coñecelas para poder abordar o problema. Entre todas dúas sobresaen especialmente: a forestalización salvaxe do franquismo, metade totalitaria e metade tecnocrática, feita entre 1940 e 1965; e a forestación por abandono brutal da agricultura campesiña dos últimos cincuenta anos. A xente nova e urbanita confunde os montes cheos de arbores coa natureza prístina pero nada máis lonxe da realidade. Que pensen que onde vexan piñeiros e eucaliptos hai oitenta anos había cultivos de rozas, monte baixo e pasteiros para o gando e onde vexan carballos novos están vendo neofragas produto do abandono. ¿Que teñen en común Galicia e o Norte de Portugal, porque arden á vez? porque os incendiarios se concentren aquí non ha ser; pola antiga unidade da Gallaecia romana que lle da nome a un territorio unido fisicamente que non separado polo río Miño? Porque todo este territorio comparte evidentemente características histórico-culturais e físico-climáticas?

Pois si, pero máis determinante é que ambos territorios partillaron no século XX unha política tipicamente fascista e autárquica de grande impacto (tratamos disto con M. Cabo e J. Pan-Montojo (2013) en Agriculture in the Age of Fascism. Authoritarian Technocracy and rural modernization, 1922-1945) que procuraba a autosuficiencia en pasta de papel por un lado e polo outro quería acabar con formas de produción consideradas primitivas. Foi unha especie de pol-potismo ao revés -expulsión do rural cara as cidades- con consecuencias que aínda estamos sufrindo. A xente das aldeas defendeuse daquela apropiación moitas veces usando o mesmo lume que usaban para as rozas. Pero hoxe o monte xa non arde por iso. Aquela política foi seguida dun agresivo proceso modernizador que sumou razóns para o abandono, a emigración e o grande éxodo. De aí ven o rural de hoxe e diso temos que salvalo. Arde Galicia, pero non arde por ter bosques, arde por desarticulación e abandono, arde por terse especializado en cultivos de árbores que están desligados de calquera outra cousa.

De Galicia ven máis do 50 % da madeira que se corta anualmente no Estado. Máis do 75 % da madeira de eucalipto ven de Galicia, e iso contando con apenas o 8% da superficie arborada do Estado. A madeira é o gran produto do agro galego, non o leite, e cun valor engadido moi baixo. En Galicia dous terzos do territorio non teñen máis funcións que dar un pouco diñeiro cada tantos anos sen demasiadas preocupacións, e outro terzo vai camiño da irrelevancia. Pensar nas solucións é o que importa. Son necesarias e deben porse en marcha de vez, pero iso require dun grande consenso entre todos os sectores implicados. Non é difícil porque ninguén quere que arda o monte, ninguén. Calquera solución practicable pasa porque recoñezamos que non hai natureza senón silvicutura, por un lado e que polo outro hai tal abandono que o monte sen control, está achegándose ás casas e lugares habitados como nunca acontecera nos últimos mil anos.

Por iso aumenta o dramatismo en cada temporada de incendios. Compre delimitar a fronteira entre boa silvicultura e abandono. Ou somos quen de construír unha nova forma de relacionarnos có territorio ou non poderemos evitar, non só que os incendios reaparezan cada pouco, senón mesmo que as posibilidades de supervivencia do rural sexan menos que minúsculas. Experiencias interesantes na agricultura e no forestal hai dabondo, o que non parece haber é vontade nin capacidade política.