Eloxio de Beiras, admirado e caro amigo

OPINIÓN

08 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida política de Beiras é un prodixio persoal e un exemplo -ou un patrimonio- colectivo. Persoal porque, tendo militado e liderado en forzas, frontes e movementos que parecían chamados ao fracaso, conseguiu chegar o primeiro a tódalas innovacións e amenceres xerados polos cambios sociais e tecnolóxicos e polas poutadas das crises periódicas e diversas que remexen o noso tempo. E patrimonio colectivo porque, á súa honradez e entrega sen tacha, e ao seu compromiso coa terra dos pais, xunguiu un liderado democrático e carismático, que nunca rachou coas normas da lexitimidade social e de partido, e que sempre deu a sensación de que, en vez de ir el tras do mundo, á procura de espazos anovados para as súas arelas, era o mundo o que lle viña ás mans, como se de verdade necesitase del e confiase nas súas sorprendentes e xeniais intuicións.

Beiras ten dúas caras, pero unha soa personalidade. E por iso xuntou con elegancia os desplantes de revolucionario co diálogo do intelectual e do político comprometido con todas as transformacións que tivo que sufrir España para pasar do franquismo máis serodio á democracia máis vigorosa e desenvolvida. A miña amizade e admiración por Beiras forxáronse sendo el voceiro do BNG no Parlamento galego e exercendo eu como voceiro e vicepresidente do Goberno de Alianza Popular e da Coalición Popular. E dicir, coñecémonos nos miolos da contradición e do choque de intereses e modelos de país. E di moito del, e algo de min, que fose nesa xeira onde gañamos o cariño e lealdade que dende entonces nos profesamos.

Claro que non sempre estivemos de acordo. E eu destaco especialmente, na discrepancia, boa parte do exercicio parlamentario que fixo, xa con Anova, na súa derradeira lexislatura no Hórreo. Sei interpretala. E sei que tivo moitos motivos para buscar unha conexión entre as súas verbas e as actitudes e culturas políticas e electorais emerxentes. E recoñezo, sobre todo, que o éxito lle deu a razón. Pero eu creo que esa tarefa non era para un home tan grande, con tanto corazón e con tantos referentes intelectuais e políticos no seu haber. E por iso confeso que sentín alegría cando me chegou a noticia de que un novo destello de xenerosidade, intuición e coherencia o levou a abandonar a actividade parlamentaria e, sen deixar de serlle leal aos seus, volver a ser, outra vez, patrimonio común.

A En Marea resólvelle un dos moitos e complexos dilemas aos que debe enfrontarse estes días. Aos cidadáns e amigos reconcílianos cunha traxectoria que, ademais de necesaria e rotunda, dálle calidade, fondura e dimensión histórica á política galega e ao ideario nacionalista. E eu tamén espero recuperar as longas sobremesas con Beiras e Aurichu, as sonatas de Bartok, e un repaso das nosas vidas ao abeiro da autenticidade. Parabéns, amigo. E unha forte aperta.