Barco con luces, Galicia

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

26 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Celestino Fernández de la Vega afirmaba que o título Barco sin luces, esa obra lírica magnífica, estaba inspirado en Bosque sin horas de Jules Supervielle. Supervielle forma parte do trío magnífico dos poetas franco?uruguaios: el mesmo, o Conde de Lautréamont e Jules Laforgue. Este último foi, sen dúbida, o que maior impacto produciu na obra do doutor Luis Pimentel. A súa Barco sin luces segue a parecerme unha das obras máis valiosas da poesía universal. Era galego. De Lugo. E ao longo da súa vida apenas saíu da súa cidade. Porén, dous dos seus libros (Sombra do aire na herba e Barco sin luces), un escrito en galego e outro en castelán, son dous emblemas da mellor literatura. É Pimentel a metáfora perfecta para a columna dun vinte e cinco de xullo, onte, Día de Galicia.

«Esperar, esperar con sosiego/ a quen vengan las horas nuevas». Son dous versos do barco pimenteliano. Son tamén un remol de luz. Esa luz que eu quero ver na proa desta nao que chamamos Galicia. A Galicia que soubo reestablecerse e recuperarse e alzarse. A Galicia que sufriu «doma y castración» e que pese a todo seguiu en pé. A Galicia dos séculos escuros que soubo trazar, atoutiñando na néboa, unha senda de prosperidade. A Galicia onde todo chegou tarde: o primeiro tren foi de capital inglés e o último, que xa arribou a case todos os recantos do Estado, quere fundarse nestes tempos. A Galicia derruída polo mar, de traxedia en traxedia, pero que vestida de branco cegou o negror do lodo e chapapote e desidia. A Galicia que foi última en todo elévase de novo. Porque Galicia ten, fronte aos que nos sitúan na indefinición e na melancolía, un capital que a engrandece: os seus homes e mulleres. Non estamos no medio da escaleira: agora subimos. Miramos atrás, pero só para certificar a magnitude e esplendor do noso país. Queda moito por facer, pero debemos sentir orgullo de Nós. De todo o que fomos quen de alcanzar. De todas as grisuras que deixamos no pretérito. Orgullo dos empresarios, obreiros e labregos, intelectuais e artistas, creadores, profesionais, sanitarios, mestres, autónomos, rebeldes estudantes, maiores (memoria e tesón). Orgullo, por exemplo, deste periódico que nos vertebra e conduce: o cuarto de España e o primeiro se exceptuamos a dous de Madrid e un de Barcelona (un éxito sen precedentes na historia do xornalismo). Galicia iniciou unha nova época que se fundamenta no maior dos seus patrimonios: a xente. Xente de aquí e acolá, como significou o mestre Cunqueiro. Xente que se levanta cada día alimentando con luces o mundo. Non quero abandonar esas luces. Quero que este barco sexa por fin o do futuro. Que ilumine e nos ilumine. O barco que retruque o título do admirado Pimentel. O que acenda o faro do horizonte. Que irradie un fío de zume, sen amargor, aos máis novos. Onte, 25 de xullo, deixo esta columna como crónica de Nós. Metaforeando con Pimentel: sen saír de Nós, fascinar ao mundo. Veñen as horas novas. ¡Barco con luces, Galicia!