Benvido a Villar del Río

OPINIÓN

18 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Será posible que ninguén sinta vergonza, tanto propia como allea, por eses escasos tres minutos que Barack Obama tivo a ben dedicar aos señores Sánchez, Iglesias e Rivera? ¿E non se sentirán estes estafados e tristes, como os veciños aqueles de Villar del Río, da inesquecible película de Berlanga?

Tampouco foi moi xeneroso o rapidísimo Obama (rapidísimo como os americanos da película aquela) co xefe do Estado ou co presidente do Goberno. Todos, cada un á súa maneira, tiñan claro que o importante era render tributo ao emperador, non que este se preocupase moito das formas ou de que estas se prestasen a tortas interpretacións, a que fosen tidas por pouco diplomáticas ou que non respondesen ao que se consideran boas maneiras nas relacións internacionais.

Ao parecer, iso non importaba tanto como o feito de saír na foto. E moito menos, é evidente, que uns e outros estaban preconstituíndo unha proba, por se fose necesaria, da insignificancia da política exterior española, á que tamén se apuntaron, finchados e satisfeitos, como diría Leiras Pulpeiro, os representantes da suposta nova política.

O caso é que un aprendeu de pequeno aquilo de que «por moito que te abaixes nunca te rebaixes», e pode que sexa a frescura desa sabedoría a que nos embaza a visión das cousas, a que determina que as ollemos dunha maneira que non cadra conforme coa dos concernidos, pois, naturalmente, non nos moven os mesmos intereses.

Mala cousa esa dos políticos dos tres escasos minutos; unha imaxe, xa o sabemos, vale máis que calquera fundada argumentación. E esa imaxe dos nosos políticos, eu diría que mendicantes, é a da España casposa e que un coidaba cancelada. Pero non, xa que tanto nos lembra o Villar del Río da película de Berlanga. ¡Vaiche boa!