¿Buscan candidata?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

15 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O que está de moda ultimamente son os autodescartes, pero eu propóñome. Si. Sempre fun de marcar tendencia, así que insisto: eu si quero ser presidenta. Pénseno, señores da Marea. Velaquí a fin das súas dores de cabeza. Como coido que non sacan a praza a concurso, e sei de boa tinta que andaban á procura dos grandes nomes da literatura galega, coido que deberían terme en conta. Ademais, se pensaron en merlas brancas nalgún momento, o certo é que non lograron que transcendese tan orixinal proposta. ¡Co que loce na progresía facer coma que lles apetecen as cúpulas feminizadas, máis alá das deputadas que levan os nenos ao Parlamento!

Continúo. Tamén falo idiomas (de verdade, quero dicir) e non asasino a lingua galega cada vez que a pronuncio, como adoita pasar entre os presidentes galegos. Teño dous másteres, un doutoramento con contido politolóxico, don de xentes, once libros publicados, sei cantar e levo con moita fachenda un certo sobrepeso que me dá un toque de nai afectuosa. ¡Ah! E tamén son loura e teño un armario que xa querería para si Imelda Marcos. Sei que vostedes valorarán estes dous últimos aspectos. En realidade é o que, quitando a Merkel, valoran os líderes nas presidenciables. Pénseno ben, amigos da Marea. Xa que Beiras non lles vale, eu son a muller idónea para explicar de vez aos galegos que, despois de esnaquizar o nacionalismo, aínda podemos ilusionalos gobernando ben. Porque igual é o de menos, pero eu si que sabería gobernar.