Quen para encabezar a candidatura da Marea?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

07 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Marea é a única organización que aínda non elixiu candidato ou candidata para as eleccións galegas. Vaille sendo moita hora! Porque todo indica que Feijoo fará as eleccións uns dos dous domingos de outono anteriores ao inicio do tóxico -para o PP- xuízo da Gürtel, e iso quere dicir que ao candidato só lle quedan dous meses escasos -un, o agosto das festas- para facer o seu traballo antes da campaña. Todo indica que para poderen definir o que (que queren facer, que programa) deben superar o quen no que están empezando a estar publicamente enredados. Todo indica que a cidadanía quere saber para que lle van pedir que vote e para iso saber quen encabeza, quen encarna a proposta política, é máis que definitorio.

En todo caso a Marea avanzou moito. Avanzou por exemplo con quen quere construír a súa proposta, agrupando a todas as forzas novas e da xente nova e construíndo novas plataformas no ámbito municipal que lle dan unha grande solidez e capacidade de penetración electoral. Tamén definiu con quen non quere construír unha proposta política; neste caso a vontade de encunchamento dun BNG, subido aos penedos e fuxindo da marea, fíxoo doado. Quédalle, porén, ampliar aínda cun bo feixe de grupos municipais e agrupacións que proceden do nacionalismo e que completarían a súa penetración territorial e daríanlle solidez.

O resultado das últimas eleccións amosa que o edificio político da Marea galega está a repisar como fan as boas casas novas no primeiro temporal do inverno. O apoio logrado segue sendo a expresión dunha sólida forza electoral e por iso as caras de decepción do 26 de xuño só amosan a falla de quinquenios en noites electorais. Dende as últimas eleccións galegas no 2012, con AGE, a Marea avanzou moito electoralmente e foise consolidando entre o electorado en catro eleccións sucesivas: europeas do 2014, municipais do 2015, xerais de decembro e as xerais do mes pasado. A leve perda de 67.000 votos das últimas só é un problema se non se corrixe o desencanto, aburrimento e falta de claridade que puido provocalo. A diferenza do PSOE e o PP, a Marea non ten detrás unha definida cultura política transxeracional, vinculada e identificada cunha organización, e por iso o seu voto é máis volátil.

A importancia de elixiren canto antes candidato resulta evidente. O método para facelo é tan importante ou máis, pois unha parte do entusiasmo que espertan as novas opcións ten que ver coa intelixencia de propor métodos máis democráticos, auténticos, cribles e efectivos de tomar decisións. Coa credibilidade que dá chamar á cidadanía a participar e favorecer a participación, ou cando menos a impresión de participación. Como non podían dar trigo e sabían que a xente non se conformaba coa prédica, deseñaron novos métodos. Para elixir a quen mellor poida encarnar a súa proposta, seguramente a Marea galega debería convocar primarias abertas á cidadanía que se inscribise, asinase os seus principios e pagase un euro. Polo mesmo prezo, mobilizaría aos seus votantes, gañaría credibilidade e corrixiría resultados. Ninguén pode terlle medo á democracia cando pide máis democracia.