Serei gai se for preciso

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O sentido da elegancia que me ensinaron os meus pais impídeme dicir nomes, pero a estas alturas é o de menos. Tampouco vou reproducir cousas que lin e que oín, porque non penso ceder o meu espazo á caverna, á noxenta intolerancia, á máis básica falta de respecto nin aos traumas íntimos de quen cre que a sexualidade se pode axustar a un modelo único. O certo é que estamos nas festas do Orgullo Gai no mundo enteiro, e aínda temos que oír persoas que, para reafirmar a súa heterosexualidade intolerante, fan uso dunha retórica vacua que só un xenio da palabra podería sacar do simple mal gusto. É triste o barata que sae esta desgraza na que hai matanzas en locais gais, agresións a mulleres que se bican e opinións insultantes sobre a sexualidade allea. Pódese dicir por aí que a un os homosexuais lle dan noxo polo módico prezo de que algunhas rachemos as vestiduras nas redes sociais, nuns cantos artigos, quizais nalgún xulgado, e despois nada. A mesma crenza estúpida en que hai maneiras de amar boas e malas. A mesma vergoña sobre os nosos corpos. A mesma hipocrisía que di que liberdade só hai unha.

Por iso, anuncio que me fago gai por sentido cidadán. É preciso encher España do espírito alegre e libertario polo cal se entende que amar a quen te quere e te desexa (sexa quen sexa) é digno de ser festexado e ostentado. Porque, a pesar do que cren algúns, non fai mal ningún.