Asalariados da política


Perdoen que o diga así, pero debería estar prohibido que xente que nunca cotizou á Seguridade Social opte a ser elixida para postos institucionais. Sinto parecer tan carca, pero isto vale para a nova e para a vella política. Para a casta e os descastados. Para vermellos, azuis, laranxas, para os púrpuras e os branquiazuis. Non pode ser que anden todos coa teima da renovación, das transparencia, da non profesionalización da política, e ao mesmo tempo nos metan con calzador candidatos e candidatas que nunca traballaron ou que traballaron pouco, pouquísimo. Ergo, non saben o que é a vida real na que cadaquén ten que tragar ou arriscarse en función do que implica chegar a fin de mes grazas a un mesmo.

Por certo, ter sido asalariado ou asalariada da mesma organización política pola que se é candidato (ou das súas filiais xuvenís) non conta como traballo. E ser bolseiro universitario, para que enganarnos, tampouco. E o de ter un Rexistro da Propiedade a bo recaudo, habería que velo. Pero ben me entenden. Falo de xente que sexa libre para tomar certas decisións. Falo de que saiban vivir á marxe dos clientelismos que xera a política. Falo de homes e mulleres cuxa formación sexa a que os acredita para desenvolver actividades institucionais, e non persoas cuxa única (e parcial) formación sexa a política. Falo de candidatos e candidatas vitalmente independentes que non crean que o paso natural na vida é da casa dos pais ao Parlamento. Porque, por sorte, a vida non é así. E porque pode parecer que as que votamos somos parvas e cremos eses discursos en que feitos contradín palabras. Pero non comungamos con rodas de muíño.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

Asalariados da política