A socialdemocracia para quen a traballa

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

16 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O espazo e o termo socialdemócrata están en disputa nesta campaña. Podemos está a reivindicalo para enfado do PSOE, pero será o electorado quen dará e quitará razóns. O máis interesante é por que o reclaman agora. Por que queren ocupar xusto ese espazo e non ningún outro ao que tamén poderían optar: socialista, ecoloxista, comunista, libertario? Por que socialdemócrata? Pois porque é o máis novo e moderno e o menos ocupado por ninguén, a diferenza dos citados, non hai no Estado español práctica, nin tradición nin cultura política de masas que se identifique coa socialdemocracia en sentido estrito. Para Podemos vai ser doado ocupalo ademais porque manexa ben os significantes baleiros que pode encher con ideas e sobre todo con votos. Empezaron timidamente na campaña anterior pero daquela aínda preferían falar só de arriba e abaixo e dunha transversalidade non encaixable no binomio (bipartidista) esquerda-dereita.

Pero agora necesitan unha definición máis convencional e recoñecible, cando menos por tres razóns: entraron no Parlamento e están ocupando un espazo que teñen que rematar de definir antes de que llelo definan; para superar ao PSOE teñen que diferenciarse á vez que asimilan ao seu electorado e porque ao sumaren os restos que quedaban dispersos de EU teñen que marcar distancias cos restos da tradición comunista. Empezando por isto último. A antiga e fermosa idea de comunidade igualitaria de bens e de persoas, o comunismo, acompaña á humanidade dende a Biblia pero na versión stalinista do século XX non poderá ter futuro ningún. Cousa que xa escribiron E. Laclau e outros hai tempo. Así que, por moito que o reivindiquen en Twitter, ninguén se reclamará de tal nos debates electorais. Os cristiáns primitivos, os spartakistas orixinais, irmandiños e müntzeristas, diggers e levelers ingleses, proudonianos, gramscianos e luxemburguistas teñen moito máis futuro que os comunistas que viñeron despois de Stalin.

Se Podemos e converxencias se decidiron a reivindicar ese perfil socialdemócrata e poden facelo é porque alguén o deixou libre ou nunca chegou ocupalo de todo. Empezando polo último, en 137 anos de historia, o PSOE reivindicouse socialdemócrata só nos últimos 40 e nin sequera con moita coherencia. Igual que o Laborismo británico, sempre foi un partido obreiro e dos obreiros, mesmo antes que socialista. Igual que en Francia e Portugal, onde os partidos nin tiveron a continuidade nominal e temporal. Nin no nome nin na cultura estes socialistas da Europa máis occidental tiveron o perfil dos socialdemócratas escandinavos, austromarxistas ou renanos. Só partillaron deles ás veces o chamado socialismo de cátedra, derivado do peso de intelectuais universitarios nos partidos continentais.

Enfádanse no PSOE polo que din un roubo de identidade, mentres analistas e politólogos arremeten contra o que outros politólogos están a facer. O asunto non é cousa de como se analizan os ideosistemas nin a quen lle damos a etiqueta nin quen cría tela. Quen está en condicións de a coller é un dos asuntos que se van decidir nestas eleccións. No inicio de campaña o PSOE afianza o seu perfil operario e sindical. Podemos o transversal. A historia xoga o seu papel.