Outra vez en danza

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

12 jun 2016 . Actualizado a las 09:31 h.

Non saímos dunha e xa estamos noutra, diría o meu pai. E os datos da última enquisa do CIS, realizada hai algo máis dun mes, pero que confirma o que adiantaron semanas antes outras prospeccións (Sondaxe), non veñen máis que a subliñar unha tendencia que está nas columnas de opinión, nas tertulias e nas sobremesas familiares: o Partido Popular mantén as posicións e segue a ser a lista máis votada (malia a abraiante acumulación de escándalos de corrupción nestes últimos anos); as plataformas arredor de Podemos e Esquerda Unida soben votos ata acadar a condición de segunda forza no Parlamento; cae o PSOE espectacularmente, a proposta de Cidadáns non dá callado, e en Galicia o nacionalismo (dividido) desaparece do mapa como tal. Cada un destes puntos daba para un ensaio.

O do PP só se explica, primeiro: polo carácter militante, case que relixioso, do voto da dereita en España (tamén en Galicia), e segundo: pola ausencia dunha alternativa crible e consistente coa que mobilizar o electorado noutra dirección dun xeito eficaz. Os partidos gañan ou perden dende o poder, que certamente desgasta, mais tamén en función das outras propostas que se barallan. Na marea da semana pasada apuntei algunhas ideas sobre as primarias do PSdeG-PSOE e a demanda de cambio que apuntan as súas bases. Só dese xeito se explica o apoio a Leiceaga fronte á forte aparataxe continuísta. Mais ¿cómo afrontar esa crise, que sen dúbida é de estratexia, discurso, política de comunicación, etcétera, antes dos próximos comicios (mesmo antes das eleccións galegas)? Sería inxusto esixirlle ao novo candidato milagres en seis meses. A purga (a purificación) leva tempo e esixe tocar fondo, se non dun xeito total cando menos relativo.

Outrosí o BNG (o único nacionalismo que formalmente se presenta como tal). Nalgún momento quizais foi posible unha alternativa para liderar o país dende o galeguismo, ou para acadar unha representación cualificada que orientase o futuro nesa dirección, mais iso significaba abrir o abano do discurso cara ao centro e cara a posicións conciliadoras que, aínda que algúns intentaron, as contradicións e mesmo os intereses internos da organización, igual que sucede noutras, frustraron o camiño. Sospeito que agora as derivadas van cara a outros horizontes: as Mareas e as plataformas da esquerda estatal, por exemplo, confluencias que, por moito que se diga, necesitan madurar, enguedelladas na retórica doutros tempos (o asemblearismo romántico do 68) e nos efectos especiais, mais inexpertas na xestión da prosa ingrata de cada día, que é onde á fin se mide a viabilidade dos proxectos.

E para rematar, a abstención e os indecisos, que segundo todas as sondaxes andan arredor do 30 por cento. Cunha cuestión de fondo que, na miña opinión, é a clave do futuro: as cousas están a cambiar profundamente. Non só en Galicia, no mundo global. Se as organizacións non o entenden, mesmo as chamadas «forzas emerxentes», que xa non o son tanto, a historia vai pasar por riba de nós coma unha apisoadora.