Das boinas e os bonetes ao PP do parasol

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

07 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A vella fractura entre o PP rural e o PP urbano marcou até hai pouco ao que dende 1981 ven sendo o primeiro partido de Galicia. Pouco queda daquela división que servía para unir en dúas familias ben definidas todas as dereitas existentes en Galicia, despois de que Fraga fagocitara os restos centristas e ourensás do naufraxio de Coalición Galega. Unir, si, non dividir, pois aquela suposta fractura era a mellor representación da enorme capacidade da dereita fraguista para reunir no mesmo teito a pluralidade que ía dos cultivados doutores universitarios aos máis badocos caciques rurais. Dos refinados descendentes das casas fidalgas aos novos ricos da especulación de todas as cores. Dos exemplares asociados coa atrasada ruralidade galaica aos máis conspicuos representantes da tecnocracia empeñada en obrar o progreso. As marabillas da democracia de todos.

Aquela división entre os da boina e os do bonete era, en realidade, unha forma de representar o mando unificado por quen garantía a certeza do poder para todos os seus; de superar as incertezas dunha pluralidade díscola que rematou cando don Manuel en persoa tivo que vir rematar coa felonía do Goberno tripartito. A capacidade para reunir no mesmo partido tanta diversidade non era normal. En sentido estrito foi unha anormalidade que non pode atoparse en ningunha outra democracia europea. A circunstancia de reunir a toda a dereita nunha única formación política foi un feito exclusivo de Galicia, Asturias, as Castelas, Estremadura, Andalucía, Murcia e La Rioja. Foi un produto histórico ben construído, máis baseado no manexo do pasado que do futuro, que está chegando ao seu fin. Despois de varios intentos frustrados de construír outra dereita dende a desaparición da UCD, parece que Ciudadanos ten chegado para quedarse.

Hai tempo xa que non se fala da famosa distinción entre esas dúas faccións do PP que reflectían -na forzada unidade da dereita- a capacidade dun partido para dominar todo o panorama político do país. Hai quen afirma, nunha interpretación aparentemente evolucionista, que con Feijoo, un licenciado dos Peares sen raíces fidalgas, fundíronse por fin as dúas almas do Partido Popular galego. En realidade, o que está a acontecer é que a pluralidade volve instalarse na dereita en Galicia. Non pola vía daquela dereita galega que foron o Partido Galego Independente ou Coalición Galega, senón pola dunha nova dereita unitarista que está a implantarse con certo éxito.

As boinas e os bonetes foron facéndose maiores, igual que esta democracia nacida da transición. Foron substituídos por novas xeracións que nunca levaron boina nin -agás prezadas excepcións- tampouco aspiran ao bonete. Os novos dirixentes en realidade odian ambos os dous tipos de puchos, pois prefiren o parasol para tornar o sol. Sentadiños nunha explanada toman os seus copos ao saíren dun choio que entenden como a mesma función pública á que se dedicaron cando ingresaron nesa Administración autonómica que agora dirixen sen ansia. Co ascenso dalgúns funcionarios a gobernantes, o vello PP das boinas e os bonetes sintetizouse na solución parasol.