Hawking, Varufakis e Europa

OPINIÓN

06 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Stephen Hawking, un dos científicos máis brillantes e coñecidos do noso tempo, vén de alertar aos británicos, xunto con outros 150 compañeiros, dos riscos que o brexit pode ter para eles e para Europa, e conclúe que, no caso de que esa saída se produza, sería un desastre para as universidades e para a ciencia. Os datos que sinala non ofrecen dúbidas.

Hawking tamén é coñecido pola súa rexa actitude contra as armas nucleares e pola súa loita contra as supersticións, ás veces con aparencias de ciencia, e a irracionalidade. E agora sinala con claridade o risco que van correr os mellores cerebros científicos europeos se tal saída da Unión Europea couta a súa formación, por exemplo, entre outros, se se ven obrigados a limitacións na súa mobilidade e nas dotacións que os centros universitarios van ver rabenadas.

Pola súa banda, Yanis Varufakis, outras das mentes máis lúcidas de Europa, nun sabio manifesto, alértanos sobre o deturpado concepto da Europa dos políticos europeos: Europa comezou uníndose tendo moitas linguas e culturas diferentes e acabou dividíndose por unha moeda común. Como ben sinala, nesta batalla pola integridade e a alma de Europa as forzas da Razón e o Humanismo terán que se lle arrepor ao crecente autoritarismo.

Un e outro veñen coincidir no que é a améndoa da cuestión: nin na ciencia nin na economía é posible ter relevancia no mundo de hoxe sen unha unión europea: na ciencia sabémolo hai moito tempo -a Euraton é o mellor exemplo- e na economía saben algúns, e outros empezan a sabelo, da desfeita que supuxo a política nacionalista da austeridade, enfrontando a uns países con outros e desfacendo toda idea de solidariedade.

Hawking e Varufakis miran ao futuro; os políticos seguen instalados no pasado.